«O rexeitamento das violencias contra a muller ten que ser todos os días do ano»
MONFORTE DE LEMOS
A concelleira Margarita López presenta o programa municipal de actividades polo 25N en Monforte
14 nov 2025 . Actualizado á 15:21 h.Os actos do 25N están en marcha en Monforte. O pasado luns comezaron a desenvolverse nos centros de primaria unha serie de talleres baixo o lema «Machismo game over», dirixidos a alumnado se sexto de primaria. Do resto da programación deu conta este venres a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez, que será tamén a encargada de ler o martes 25 de novembro o manifesto conmemorativo do día internacional contra a violencia de xénero. A lectura desta declaración terá lugar ás doce do mediodía na Praza do Concello, onde se escenificará ao seu termo a montaxe artística Semprevivas, dirixido por Francisca Abeledo.
No balcón da casa do concello, e no exterior do centro cívico de Monforte, locen xa pancartas desa cor coa lenda «Monforte en negro contra as violencias», do que se fai eco ademais un vinilo instalado estes días no bus urbano. «A discriminación sobre a muller non pode ter cabida no noso concello. Rexeitala non é unha opción senón unha obriga», dixo Margarita López na presentación dos actos do 25N.
A concelleira avogou por unha «resposta unánime da sociedade de Monforte de rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres», rexeitamento que segundo destacou debe estar presente «todos os día do ano». «A situación actual —engadiu— require unha resposta social unánime e animo a veciños e empresas a exteriorizala».
Defensa feminina
Entre as actividades incluídas na programación municipal do 25N figura un curso de defensa persoal feminina, que se desenvolverá no Centro Cívico entre os días 20 e 27 de novembro, en horario de catro a oito da tarde. O número de prazas é limitado e debe efectuarse unha inscrición previa. O día 23, por outra banda, o salón de actos da Casa de Cultura Lois Pereiro acollerá o espectáculo de contacontos e música Cambia o conto, dirixido a todas as idades.
Os obradoiros que xa comezaron en primaria terán continuidade entre os alumnos da ESO entre o 24 e o 28 de novembro. A psicóloga sanitaria Paula Sánchez será neste caso a encargada de impartilos.
Cabe sinalar, así mesmo, que as dúas próximas obras da Rede Galega de Teatros e Auditorios que se escenificarán en Monforte versarán sobre esta mesma temática. Antagonista Teatro porá en escena o 27 de novembro a obra Insubmisa, mentres que o grupo Chévere representará o 4 de decembro a montaxe Helen Keller, a muller marabilla?.
As dúas obras de teatros poderán verse no auditorio do edificio multiusos e comezarán en ambos os casos ás oito e cuarto da tarde. A entrada custará 5 euros con carácter xeral, e 3 euros para estudantes, xubilados e persoas en paro.