Carolina González: «Non é que a xente sexa sucia, é que se produce plástico en exceso»
MONFORTE DE LEMOS
Directora de comunicación da plataforma que negocia na ONU unha redución mundial da produción de plásticos, vive en Monforte desde hai dous anos e dará a semana que vén unha charla sobre manexo doméstico de residuos
05 nov 2025 . Actualizado á 21:04 h.Carolina González é unha das responsables de comunicación da plataforma internacional Break Free from Plastic (Libérate de plástico), integrada por máis de 2.000 organizacións e que pelexa por unha redución masiva da produción de plásticos dun só uso. Vive desde hai dous anos en Monforte e a semana que vén participará nunha charla organizada pola asociación É Ribeira Project sobre como reducir o volume de residuos que xeran os fogares, sobre todo os residuos de plástico.
—Colabora con esta organización internacional desde Monforte.
—Si, traballo desde Monforte e de forma remota para esta organización. Son a súa directora de comunicación e formo parte do grupo de observadoras do tratado de redución de plásticos que se negocia na ONU desde o 2022.
—Terá unha visión global sobre este problema. Visto desde aí arriba, un particular pode fai cousas significativas cos residuos que xera no seu fogar?
—Se, como consumidores temos moito que facer. A industria fixo un moi bo traballo para culpar aos consumidores. Conseguen que cando nós imos a unha praia e vemos plásticos tirados pensemos «que sucia é a xente», cando en realidade o principal problema é que se produce plástico en exceso. Ningún sistema de xestión de residuos ten capacidade para manexar ese volume de plástico. Como individuos podemos usar bolsas reutilizables e elixir no supermercado os alimentos que veñen sen envasar. Pero ademais temos a capacidade cívica de exercer presión. No supermercado falando co xerente para expresar a nosa preocupación pola falta de produtos a granel, sen envasar.
—E na casa?
—Pódese empezar cunha auditoría doméstica, algo individual que ademais fai pensar no xeral. Podes dedicarlle unha semana para ver que tiras para reciclar e que outras cousas van sen separar. E pódeste dar conta de que estas consumindo a diario un bote pequeno de iogur e que se comprases un máis grande o cociente entre produto e envase sería moito menor. Ou que tes unha chea de plásticos de legumes que en realidade poderías comprar a granel, en tendas que cho permiten ou en establecementos que non están onde ti estás, pero envíancho envolto en papel e así evitas o plástico.
—Mellor o papel que o plástico?
—Si, é máis reciclable. Produtos como o aluminio ou o vidro pódese reciclar indefinidamente, pero o plástico non. Despois do primeiro reciclado, o único que podes facer co plástico son bolsas, non ten calidade para ningunha outra cousa. En todo caso, o ideal é reciclar o menos posible e no seu lugar reutilicemos as cousas. Mellor ver sistemas de reutilización que sistemas de reciclaxe.
—Así que lle parece que facer algo, aínda que represente pouco, merece a pena.
—Facer algo sempre merece a pena. E empezar pola casa dun faiche darche conta de moitas cousas. Para empezar, do poder que temos como consumidores, que é máis do que ás veces pensamos.
A charla
- Onde será. Na sede da asociación É Ribeira Project, no número 58 da rúa Roberto Baamonde
- Quen a dará. Intervirán Carolina González e a nutricionista Isa Mourín, que se encargará da parte que ten que ver coa alimentación
- Cando será. O 11 de novembro, entre as 20:00 e as 22:00 horas