Ribeira Sacra está disposta a tirar uva tinta en 130 viñas para evitar excedente

AGRICULTURA · Exclusivo subscritores

O consello regulador prevía máis peticións polos problemas de venda do pasado ano que afectaron a 381 colleiteiros
20 may 2025 . Actualizado á 11:27 h.O consello regulador de Ribeira Sacra dispón dos primeiros datos sobre a resposta que espertaron as novas axudas da Consellería do Medio Rural para a posta en práctica da denominada colleita en verde. Hai 130 viñedos cuxos titulares están dispostos a cortar os acios de uva tinta na súa totalidade antes de que estean maduros a cambio destas compensacións, coas que se busca eliminar un volume de produción que contribúa a «recobrar o equilibrio do mercado». Segundo os datos oficiais, 381 viticultores da denominación de orixe non puideron vender a colleita da pasada vendima a causa dos excedente de viño nas adegas.
Antonio Lombardía, presidente do consello regulador, fala de «satisfacción moderada» ao valorar o número de solicitudes presentadas en Ribeira Sacra ás axudas da consellería para incentivar a colleita en verde. Cabe unha lectura en positivo, segundo o seu criterio, ao tratarse dunha medida que se aplica por vez primeira e ten en contra un forte «compoñente cultural». «Costa moito asimilar que hai que cortar uvas e tiralas ao chan, que paguen por non producir non é o habitual», apunta. Aínda así, Lombardía entende que cabía agardar unha maior resposta pola cantidade de viticultores que non atoparon comprador para a uva a pasada campaña.
As axudas de Medio Rural para axustar a produción de uva tinta á demanda dese tipo de viño están abertas aos viticultores de Ribeira Sacra e Ribeiro, as denominacións de orixe que pediron á Xunta que xestionase ante o Ministerio de Agricultura a autorización da medida. A Xunta de Galicia destina a estas compensacións unha partida de 600.000 euros, procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía. Polo maior peso das variedades tintas no total, Ribeira Sacra ía ser nun principio a principal destinataria das subvencións.
O consello regulador de Ribeira Sacra foi informado pola consellería do número de solicitudes desta denominación que recibiu mentres estivo aberto o prazo, que non ten por que coincidir coas axudas que se concedan cando conclúa o proceso de valoración. «Pode que nalgún caso non se cumpran os requisitos. A nosa previsión incluía máis posibles destinatarios para que ninguén quedase fóra», di Lombardía. Un dos condicionantes para acceder ás compensacións é que só cobren viñas plantadas ao cento por cento con uva tinta, cando nesta zona é bastante frecuente que convivan na mesma parcela con porcentaxes menores de variedades brancas.
Outra destilación de crise
«Veñen anos complicados que hai que superar botando man de todas as medidas posibles para facerlles fronte. Debemos ter claro que a situación non se vai resolver cunha soa delas, pero todas as que poidamos adoptar axudarán en algo», sostén o presidente do consello regulador. Lombardía confía no efecto positivo que poida ter nesta vendima o recorte dos rendementos máximos por hectárea autorizados nas variedades tintas. Tamén avanza, doutra banda, que as adegas poderán acollerse por segundo ano á destilación de crise para adecuar a oferta á demanda.
Na colleita do 2023, na que se acadou unha produción de 6.669.421 quilos, venderon uva 1.071 viticultores, dos 2.212 contabilizados en Ribeira Sacra. O pasado ano, cando a vendima se reduciu a 4.899.345 quilos, só 690 atoparon comparador para a uva.
Os tratamentos deben aplicarse ata que se corten os acios
Para recibir as axudas, os acios deben eliminarse antes do 15 de xullo e teñen que estar en bo estado sanitario no momento no que se efectúe esa operación. A orde da consellería establece que se realizarán inspeccións por parte dos seus técnicos para verificar que se cumpriron ambos os requisitos. A renuncia á colleita non implica, por iso, que os viticultores que opten ás subvencións poidan descoidar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A campaña preséntase este ano complicada polas abundantes choivas e a inestabilidade meteorolóxica no arranque da primavera. «Houbo algúns ataques de mildeu e black-rot, pero polo de agora so afectaron á folla e non ao bago», sinala o presidente do consello regulador. Moitos viticultores aplican a estas alturas o terceiro tratamento desde a brotación.
Como se calculan
A contía das axudas pola colleita en verde calcúlase sobre a base de dous conceptos e en ambos os casos cobren o 50% do total. As compensacións resarcen ao viticultor, por unha banda, da perdida económica que supón a renuncia a comercialización da uva. Este apartado calcúlase partir dun valor de 1,17 euros por quilo e unha produción media por hectárea de viñedo derivada dos datos das tres últimas campañas.
O outro capítulo subvencionable é o traballo necesario para a eliminación dos acios, cuxo custo se cifra en 1.547 euros por hectárea se o leva a cabo o titular da parcela. Se decide contratalo, a compensación calcularase a partir dun custo de 2.499 euros por hectárea.