Difusión internacional para os antigos glaciares do Courel

Francisco Albo
francisco albelo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CLUB DE MONTAÑA FORMIGUEIROS

Preparan un amplo estudo sobre as pegadas da Idade do Xeo na serra

26 mar 2015 . Actualizado á 07:33 h.

As pegadas dos antigos glaciares e os fósiles do Cuaternario descubertos nas últimas décadas na serra do Courel ocuparán un amplo espazo nun estudo sobre o glaciarismo de Galicia que están a preparar os investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña. Este traballo aparecerá no prazo duns meses nunha revista especializada de difusión internacional, aínda que os responsables aínda non decidiron en cal publicación será editada.

Segundo indica Juan Ramón Vidal Romaní, director do referido instituto, este traballo será máis extenso e completo que outros que se publicaron anteriormente sobre o glaciarismo galego, xa que incluirá numerosos datos recolleitos en investigacións recentes acerca do clima, as condicións ambientais e a fauna das serras orientais durante a última Idade de Xeo. Entre estes estudos figura a obtención dunha secuencia de datos climáticos dos últimos 500.000 anos que foi extraída recentemente das estalagmitas da cova de Arcoia mediante a análise dos isótopos de carbono e osíxeno.

Doutra banda, o estudo exporá tamén datos conseguidos por científicos do mencionado instituto acerca dos movementos migratorios da fauna prehistórica mediante o estudo dos fósiles descubertos en diversas grutas das serras do Courel e Os Ancares. Estes traballos foron dirixidos pola paleontóloga Aurora Grandal e abarcan especies como o oso das cavernas, o oso pardo e varias clases de herbívoros. Un dos achados máis destacados que se realizaron en tempos recentes neste campo é a existencia dun vínculo xenético entre os osos cavernarios que viviron durante o Pleistoceno en Cova Eirós -Triacastela- e os que foron descubertos na cova de Chauvet, en Francia.

Rastros que se perciben nos cumes e nas covas

A serra do Courel -xunto coas dos Ancares, Queixa, Invernadoiro, Larouco e Xurés- é unha das zonas de Galicia en existíronas glaciares durante o Pleistoceno. A presenza destas grandes masas de xeo deixou numerosas pegadas no relevo da zona, que se perciben especialmente no val da Seara e en lugares como a lagoa de Lucenza, que ten a súa orixe neste período xeolóxico.

As covas calcarias da zona, especialmente as situadas nas zonas máis altas -como as de Arcoia, Pena Paleira, A Tara e Río Pérez- tamén mostran os efectos dos procesos erosivos asociados á presenza dos glaciares. O museo de xeoloxía e paleontoloxía do Concello de Quiroga dedica integramente unha das súas seccións para explicar as pegadas do glaciarismo na serra. Na localidade da Seara existen desde hai tempo paneis explicativos que axudan a recoñecer na paisaxe o rastro dos vellos glaciares.