O futbolista do Celta lamenta que a sorte deu as costas ao seu equipo nos penaltis ante o Albacete
17 dic 2025 . Actualizado á 23:52 h.O xogador do Celta Javi Rodríguez, titular no duelo de Copa do Rey fronte ao Albacete, foi o encargado de dar, de xeito breve, as súas impresións tras a derrota e eliminación de Copa. «Poñémonos por detrás nun desaxuste e despois, comezamos a xogar como deberiamos desde o primeiro momento», sinalaba facendo autocrítica.
No seu resumo do ocorrido, lembra que na segunda metade chegaron os goles celestes, lamentando que nos últimos instantes, no desconto do tempo regulamentario, encaixan o segundo. «Foi moi complicado. E logo, nos penaltis, a sorte non veu do noso lado», lamenta.
O canteirán de Poio di que «o bo de ter tres competicións —algo que agora chega ao seu fin para o seu equipo— é que o sábado hai outro partido», a visita ao Oviedo en liga. «Temos que centrarnos no próximo rival, que vai ser complicado e iremos alí a gañar», proclama. Ademais, dá as grazas aos afeccionados que lles acompañaron en Albacete e móstrase consciente do desprazamento masivo previsto a terras asturianas. «Din que vai ir moita xente. Que animen como o fan en Balaídos. Notamos a súa forza e iremos pola vitoria».