Claudio Giráldez repetiu a oito xogadores ante o Madrid e o Bolonia, hai centrais inéditos en liga desde setembro e Sotelo e Jutglà perden corda
13 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os dous partidos de gran calado desta semana, á que aínda lle queda un terceiro mañá, deixaron máis ao descuberto a liña entre os máis titulares e os menos habituais do Celta. Claudio Giráldez, que ninguén dúbida que seguirá rotando, repetiu a oito xogadores nos dous onces e dos tres cambios realizados, un foi pola lesión de Pablo Durán. Nas substitucións, tamén meteu no campo a tres que xa entraran desde o banco no Bernabéu. Entre eles un Jutglà que parece estar claramente por detrás de Borja Iglesias cando se trata de colocar a un nove de referencia e Iago Aspas, que non saíu de cara en ningunha das dúas citas marcadas en vermello. A maiores, xogadores como Sotelo, Manu Fernández ou Yoel Lago perderon moitísimo protagonismo nos últimos tempos. Todo o contrario que un Miguel Román que pisa cada vez máis o campo.
Con Radu absorbendo todos os minutos en liga e recuperando a titularidade na Europa League tras dous partidos de Iván Villar como titular, na liña defensiva, Giráldez utilizou ao seu tridente predilecto (Javi Rodríguez, Starfelt e Marcos Alonso) no Bernabéu e deulle descanso ao madrileño ante o Bolonia metendo na súa posición habitual a Ristic. Por primeira vez, o de Poio xogou dous partidos na marxe de catro días, un paso máis na súa imparable progresión. Ata a data, Giráldez intentaba utilizalo só unha vez por semana, quizais porque pensaba que o físico aínda non lle daba para tanta esixencia.
Nos carrís repetiron Mingueza e Carreira. Chama a atención por amais de todo a aposta polo catalán, que o xoves da semana pasada disputara os 120 minutos no Narcís Sala na Copa do Rey. Na sala de máquinas, Ilaix Moriba é cada vez máis intocable e Miguel Román e Fran Beltrán hanse turnado como a súa parella de baile, quedando nunha posición testemuñal Hugo Sotelo e Damián Rodríguez.
En ataque, está claro a estas alturas que Borja Iglesias é o dianteiro de referencia titular para Claudio Giráldez, que mantén a súa firme aposta por Bryan Zaragoza, outro dos que non acostumaban dobrar no Celta, con Swedberg empurrando (saíu desde o banco en Madrid e foi titular o xoves) e cubrindo o oco de Pablo Durán. Nesta secuencia de partidos, Iago Aspas non saíu de inicio en ningún deles, o que chama a atención tendo en conta o determinante que é e a influencia que ten no xogo celeste.
Yoel, sen liga desde setembro
Dun modo paralelo, varios xogadores pasaron a ter un papel menguante. Comezando polos dous centrais canteiráns que subiron este curso ao primeiro equipo: Yoel Lago non xoga en liga desde o 28 de setembro, en Elxe. As súas últimas participacións foron en Razgrad, ante o Ludogorets, cando xogou unha hora como titular, e na Copa, 110 minutos saíndo desde o banco pola lesión de Aidoo. En todo o que vai de tempada, só participou en oito partidos. Manu Fernández tamén perdeu protagonismo desde o partido co Ludogorets e quedou en barbeito ante o Real Madrid e o Bolonia.
A maiores, Carlos Domínguez tampouco se prodiga na liga, na que está inédito desde a visita ao Levante do pasado 2 de novembro. O vigués acumula 10 participacións nos 23 partidos disputados ata a data.
Sotelo perde presenza
Hugo Sotelo comezou como un tiro, con fútbol e con galóns, e estaba chamado a ser un xogador importante dentro do equipo, pero a súa figura foi minguando ata deixar a Copa do Rey como único reduto da súa participación desde o pasado 9 de novembro cando foi titular ante o Barcelona. A día de hoxe, está por detrás no escalafón dos Ilaix, Román e Beltrán. Damián, o outro centrocampista, xogou en liga por última vez no Sadar a finais de outubro, leva un total de seis partidos e tras ser relevado en Bulgaria no descanso non volveu ter minuto.
O caso Jutglà
Ferran Jutglà cedeu no pulso como Borja Iglesias. O rendemento e os goles do Panda empurraron ao catalán cara á banda, primeiro, e nos dous partidos grandes desta semana, cara ao banco. Despois de xogar case 100 minutos ante o Sant Andreu, o ex do Bruxo saíu na recta final no Bernabéu e ante o Bolonia. Das tres fichaxes do pasado verán, é o que viu máis reducida a súa presenza, dun modo inversamente proporcional ao papel de Bryan.