Os vigueses adiantáronse no marcador pero os italianos, moi superiores, levaron o triunfo
11 dic 2025 . Actualizado á 23:44 h.Un tiro a portería. Ese foi todo o caudal do Celta ante un Bolonia superior. De pouco valeu que os vigueses se adiantasen no marcador tras un jugadón de Williot Swedberg con remate de Bryan Zaragoza. Pero coa diferenza de xogo vista en Balaídos, o 1-0 era un ben efémero e na segunda metade, seguramente no único momento no que os celestes estaban domesticando ao rival, chegou o empate de penalti e, pouco despois, Bernardeschi culminou a remontada. Co 1-2, o cadro celeste non tivo capacidade de resposta, non foi capaz de achegarse á portería contraria e acabou sucumbindo ante un rival intenso, táctico e cunha extrema dureza que permitiu o colexiado romanés. A segunda derrota consecutiva complica a competición continental dos vigueses, que onte caeron na casa por primeira vez neste torneo.
Con ver o once, xa se sabía a importancia que Claudio Giráldez dáballe ao partido ante o Bolonia, aínda que finalmente non fornecese o efecto agardado. O do Porriño fixo todo o contrario que en Razgrad -ante o Ludogorets.- e apostou por un once moi titular, con só tres cambios respecto ao Bernabéu e sen pensar na cita que lle agarda o domingo, de novo en Balaídos e ante o Athletic Club. Incluso apostou por Óscar Mingueza, que se pegou tres malleiras nunha semana. Entre as novidades, rescatou a Mihailo Ristic para xogar como central esquerdo.
A aposta por un once de garantías non converteu ao Celta en protagonista do primeiro tempo, porque o Bolonia, un equipo con maiúsculas, non llo permitiu. Os de Vincenzo Italiano presionaron alto, a pares como agardaba Claudio Giráldez, monopolizaron o balón e tomaron boa nota do Bernabéu para anular a Borja Iglesias e deixar aos vigueses sen saída. Con todo, o conxunto local aguantou e marcou na súa única chegada de toda a primeira metade. Un xiro prodixioso de Williot Swedberg, novidade no once e que se colocou no flanco dereito, posibilitou unha diagonal do sueco camiño da portería rival e xusto cando ía tirar, deu un pase atrás para que Bryan Zaragoza marcase cun tiro milimétrico.
O 1-0, pouco despois do cuarto de hora, deulles un momento de respiro aos celestes, que por fin foron capaces de ganduxar unha sucesión de pases para descansar co balón, pero o quinto da Serie A non tardou en volver á carga e un fallo de Carl Starfelt nunha cesión deixou a Rowe a un palmo do gol, aínda que o seu remate non colleu portería. Logo chegaron os centros laterais, envelenados e con pouca resposta celeste, e ao fío do descanso, Ionut Andrei Radu salvou o empate nun man a man con Castro, que rompera o fóra de xogo por centímetros.
Aínda así, o Celta tivo a última cunha falta botada ao corazón da área á que non chegou ningún dos tres célticos en posición de remate. Moito antes, noutra das contadas chegadas, Swedberg escorregouse cando estaba a piques de roubar o balón a Ravaglia, o porteiro italiano.
O único momento para a esperanza foi o inicio da segunda metade. Durante un cuarto de hora, o Celta quitou o balón ao rival e parecía ter controlado o duelo, pero dous lances puxeron o partido patas para arriba e esnaquizaron ao Celta, que saíu indemne dunha revisión de VAR por un gol anulado, pero que pagou coa mesma moeda unha caída de Pobega tras un contacto con Javi Rodríguez. Nun primeiro momento, pitouse fóra de xogo, pero o visionado validou a posición e Bernardeschi enganou por completo a Radu.
Co 1-1, Claudio Giráldez buscou reacción cos tres cambios, un deles, Iago Aspas. O capitán, por unha vez, foi protagonista negativo, porque cando a defensa saía da súa posición, o 10 deu un pase atrás sen dirección que deixou unha Bernarsechi a campo aberto para correr e marcar cun tiro cruzado inapelable imposible para Radu.
Quedaba un cuarto de hora, pero non houbo resposta por parte do Celta, ao que incluso lle custou superar a liña de medio campo ante un rival que mantiña a presión. En toda a recta final, o único que fixeron os vigueses en ataque foi un par de internadas pola banda dereita cun tiro desviado de Javi Rueda. O Bolonia foi superior, levou o triunfo, e lonxe de selar a clasificación, os vigueses complícanse o play-off.
Ficha técnica:
1 - Celta: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Ristic; Carreira, Moriba, Beltrán (Miguel Román, min.79), Mingueza (Javi Rueda, min.66); Bryan Zaragoza (Hugo Álvarez, min.46), Swedberg (Aspas, min.68) e Borja Iglesias (Jutglá, min.68).
2 - Bolonia: Ravaglia; Holm, Heggem, Lykogiannis, Miranda; Mouro (Odgaard, min.88), Pobega (Ferguson, min.88); Rowe (Cambiaghi, min.68), Fabbian, Bernardeschi (Dallinga, min.81); Castro (Orsolini, min.81).
Goles: 1-0, min.17: Bryan Zaragoza; 1-1, min.66 Bernardeschi, de penalti; 1-2, min.7: Bernardeschi.
Árbitro: Radu Petrescu (Romanía). Amoestou a Radu (min.87), Javi Rueda (min.90) E Moriba (min.95) por parte do Celta, e a Holm (min.83) por parte do Bolonia.
Incidencias: Encontro correspondente á sexta xornada da liga Europa disputado no estadio municipal de Balaídos ante 20.302 espectadores.