Os vigueses teñen pendente un triunfo en partido oficial ante un rival da nacionalidade do Niza, ao que recibe este xoves en Balaídos
23 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Antes de acadar a semifinal de Europa League do 2017, o Celta quedárase ás portas en tres ocasións, chegando ata os cuartos de final. En dous deses casos, perdera ante rivais franceses e sen chegar a gañar sequera un do dous partidos, máis aló de celebrar un gol en cada un dos cruzamentos. Por iso, o duelo ante o Niza deste xoves preséntase como unha nova oportunidade de vencer en partido oficial a un rival desta nacionalidade.
Na tempada 1998/1999, despois das xestas de deixar fóra a Aston Villa e Liverpool, o equipo que dirixía Víctor Fernández cruzouse co Olympique de Marsella. O partidode ida xogou alí e o seu gran protagonista foi o xogador tolal Florian Maurice, que anotou os dous goles do seu equipo; entre medias, anotou Mostovoi (2-1 final). O futbolista francés, hoxe director deportivo do Niza, fichou polo Celta dúas tempadas máis tarde, pero unicamente estivo ese curso no club vigués. O resultado da volta, en Balaídos, foi un insuficiente 0-0 que clasificou ao rival.
Ao ano seguinte, a historia repetiuse: xestas para a historia -co 7-0 ao Benfica e o 4-0 á Juventus á cabeza- e freada ante un rival francés, que nese caso, foi o Lens. Nesa ocasión, o partido de Balaídos tamén se saldou sen goles, pero foi o de ida -sen poder contar cun Mostovoi ao que botaron en falta na liña de creación, plasmaba a crónica da época-, mentres que na volta, Revivo adiantou aos vigueses, que tamén remataron caendo por 2-1 e despedíndose do torneo.
Neste caso, o formato é diferente e será un único partido, pero os vigueses teñen a oportunidade de quitarse a espiña e de sumar tres puntos importantes no torneo. Aínda que sabendo que a prioridd é o compromiso de liga deste domingo en Pamplona, ante o Osasuna.