
O club vigués emite un comunicado de agradecemento á afección no que destacan que o retorno á competición continental chegou «cunha clara identidade, con raíces fortes e profundas, con orgullo»
25 may 2025 . Actualizado a las 10:26 h.O Celta emitiu na mañá deste domingo, horas despois de certificar a clasificación para a Europa League, un comunicado dirixido á afección baixo o título de Europa recibe aos Fillos dunha Paixón. No texto valoran este logro como «unha consecuencia dunha afección entusiasta, dunha canteira única ao amparo de grandes veteranos, dun fútbol pleno de valentía e ambición, de converter o 'queremos máis' nun obxectivo e non nun lema baleiro, de crer, querer e soñar».
Lembran que é a décima vez que o club competirá nestas instancias e que chega, á súa vez, transcorridos dez anos desde a ocasión anterior. «Con 10 futbolistas e empate no marcador quedaba este equipo hai uns días e o partido acabou con xogadores e xogadoras celestes celebrando unha vitoria clave, mesturados coa afección, cantando ao unísono», en referencia á vitoria ante a Real Sociedade no penúltimo encontro en Balaídos. «Esa imaxe define este éxito. Da bancada saíron moitos dos futbolistas que locen agora o escudo no campo, nunca deixaron de ser parte dela», subliñan.
Segue o texto xirando en torno ao 10, pois este é tamén o dorsal do capitán e autor do gol da vitoria, Iago Aspas. «E falta un 10 nesta serie de coincidencias, pero nin sequera fai falta verbalizar a quen corresponde, nin enxalzar o que fixo, ou soñar co que fará. As súas bágoas de frustración e tristeza en Old Trafford son agora de felicidade», apuntan. El mesmo lembraba tralo partido que ese día da derrota ante o Manchester United prometera loitar para volver levar ao equipo da súa alma a Europa.
Tamén se deteñen novamente no celtismo: «A afección vive con entusiasmo este regreso, séntese parte del. E o é, máis que nunca. O Celta volve a Europa cunha clara identidade, con raíces fortes e profundas, con orgullo, da man dos fillos dunha paixón». E rematan cunha alusión a Vlado Gudelj, actual delegado e lenda celeste: «Outro 10, xigante da nosa historia, sacou unha vez a súa camiseta celeste para mostrar unha mensaxe que este club, dirixentes, equipo, corpo técnico e empregados gritan: GRAZAS, AFECCIÓN!». Era o lema das camisetas da clasificación europea de 1998.