Marcos Alonso, talismán de Europa

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O defensa madrileño, que hoxe volve ao once tras cumprir sanción, leva clasificándose para competición continental cada ano desde a campaña 14/15

18 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Marcos Alonso, a única novidade na convocatoria, regresará ao once do Celta para a cita crucial ante o Raio Vallecano despois de perderse o compromiso do martes por sanción. O madrileño non só é un xogador capital na zaga do equipo vigués, senón que acumula unha década clasificándose para competición europea, algo que repite dun modo sistemático todos os anos desde a campaña 14/15, cando o fixo coa Fiorentina. Logo chegaron os tempos do Chelsea e o Barça, e o Celta podería ser o cuarto equipo co que xogue en Europa.

«Creo que se ve que é un xogador moi importante para nós por minutos, por xerarquía, por rendemento. Ten moito peso no equipo e no vestiario. Por iso tivo a continuidade que tivo, por iso deu o rendemento que deu e por iso tivo a traxectoria e a carreira que tivo que; evidentemente, non a regalan», comentou onte de Marcos o adestrador do Celta.

A última vez que o xogador non celebrou un pasaporte europeo foi no Sunderland, na campaña 13/14. Ao curso seguinte, chegou á Serie A e coa Fiorentina clasificouse dous anos seguidos para a Europa League. Na 16/17, chegou ao Chelsea, e co conxunto inglés meteuse cinco anos en Champions e outra en Europa League (a 17/18). Na 22/23, asinou polo Barcelona, co que se meteu dous anos seguidos en Champions, o primeiro, gañando a liga.

Novo obxectivo en Vigo

Este verán chegou a Vigo, en teoría, para loitar polo obxectivo da permanencia, pero a realidade de maio pono de novo ás portas de Europa e para certificar o novo obxectivo, Claudio Giráldez desexa que «poida facer un partido na súa liña e achegar esa tranquilidade ofensiva e defensiva» que lles dá e «gañar moito duelo», pois augura que o van a necesitar «nun partido contra un equipo moi vertical, moi veloz e con moitas formas de facer dano. Oxalá poida estar igual de solvente que estivo nesta tempada».

Sen dúbida, Marcos Alonso, xa renovado, foi un das grandes fichaxes do ano, xogándoo todo, con máxima implicación e a bo nivel. O defensor acumula esta tempada 29 partidos, 27 deles como titular, e 2.475 minutos no campo, unhas cifras que non acadaba desde a campaña 20/21, no Chelsea. Agora, ten por diante dúas xornada máis para superar a barreira dos 30, unha cota que non acada desde a década pasada.