
O adestrador ve similitudes no xogo do Celta e a Real, á que eloxia, pero pide valentía para asaltar Anoeta
13 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Celta xoga a clasificación europea na marxe de cinco días, comezando polo partido da tarde deste martes ante a Real Sociedade. Unha contenda marcada en vermello, aínda que o adestrador o Celta segue fuxindo das contas. «Hai que facer un bo partido porque creo que el premio é moi lambón. A estas alturas de tempada, debemos deixar todo o que temos dentro, máis se cabe agora», apuntou Claudio Giráldez.
O técnico non dubida un só instante de que o seu equipo ten capacidade para gañar en Anoeta: «Nós sabemos que dependemos de nós mesmos, temos que gañasen San Sebastián. Sabemos que é difícil, pero temos argumentos para poder crer que podemos gañarlles». Augura que «o compoñente físico vai ser fundamental e a achega da xente do banco vai ser importante». Pese ao cansazo, o plan de partido non sufrirá ningunha modificación: «Non queremos estar preto da nosa portería, queremos dominar desde a posesión, o dominio territorial».
O partido da primeira volta, que se decidiu «por detalles» na recta final do primeiro tempo (2-0) sería un bo exemplo para esta tarde: «Foi un partido moi completo pola nosa banda. Fomos agresivos, xenerosos no esforzo e tivemos a sorte de decantalo nos últimos cinco minutos da primeira parte».
Giráldez atopa similitudes entre o Celta e a Real: «Son un equipo que é moi intenso, que ten moitas cousas en común connosco en canto á hora de apertar, de querer dominar», puntualizando que desde o seu punto de vista, «fixeron unha tempada moito máis completa do que a xente pode crer, xogando semifinais de Copa do Rey e cuartos de Europa League. Levan cinco anos disputando competicións europeas e no medio desas competicións, incluso teñen unha participación na Champions e unha Copa do Rey gañada».
Os seus 50 partidos
O adestrador porriñés cumpre hoxe medio centenar de partidos no banco do primeiro equipo. «Non caera niso. A verdade que se pasou rápidísimo. Se me preguntas, diríache que levaba 30. Moi contento e moi orgulloso do que se está construíndo, de formar parte deste proxecto, de formar parte desta sensación tan bonita que ten agora mesmo o Celta e todos os celtistas», indicou o adestrador, que agarda celebralo coa guinda «pechar ben a tempada, que é o importante».
Preguntado polas contas de Europa, non parou nin un instante: «Se gañemos os tres, estamos». A realidade di que vale con gañar os dous desta semana.