O segundo Celta máis goleador

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOÁN CARLOS GIL

O equipo vigués só levaba máis tantos a favor a estas alturas de liga que os 50 actuais desde o ascenso na tempada 2017/2018

26 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cos tres goles da vitoria ante o Vilarreal, el Celta acadou o medio centenar no que vai de liga. É a segunda cifra máis alta a estas alturas de competición —en 33 xornadas— desde o curso 2017/2018, cando o equipo que dirixía Juan Carlos Unzué anotara dous máis á falta de cinco xornadas e acabou con 59, a marca deste período e un rexistro que aínda está ao alcance dos de Claudio Giráldez, aínda que necesitarían estar por amais da súa media ata o de agora (1,51 dianas por partido).

Cos 50 tantos que levan os vigueses, superaron xa a sete das campañas disputadas desde o ascenso completas, coas súas 38 xornadas, incluída a anterior, cando acabaron con 46. Por baixo de 40 quedaron dúas veces (37 tanto na campaña 2012/2013 como na 2019/2020); no groso estiveron entre 40 e 50 e en cinco ocasiones, superaron as cinco decenas: o ano de Unzué máis o segundo e o terceiro curso de Eduardo Berizzo, o primeiro do Chacho Coudet -relevando a Óscar García xa iniciado- e o da Nosa Reconquista -con Antonio Mohamed, Miguel Cardoso e Fran Escribá-.

Ata o momento, son catorce os futbolistas que viron portería, o que supón que a faceta realizadora está máis repartida do que viña sendo habitual. Nas doce campañas anteriores, soamente nunha ocasión, na campaña 2016/2017, rematouse a liga con máis futbolistas que marcasen polo menos un gol que os que o fixeron na presente: 19. Ademais, hai que ter en conta que esa campaña caracterizouse polas rotacións, trazo característico de Clauido que entón respondía a chegar a semifinais de dúas competicións.

Tampouco foi habitual contar con dous xogadores que roldasen a decena de goles, como é o caso agora de Iago Aspas e Borja Iglesias, con nove tantos cada un. De feito, mais alá do moañés, que nunca baixou desa cifra nas últimas dez ligas, non son moitos os que asinasen eses rexistros. A lista compona Charles (12) e Nolito (14) na 2013/2014; de novo o gaditano (12) na 2014/2015; Maxi Gómez na 2017/2018 (17) e na 2018/2019 (13); Brais Méndez (9) e Santi Mina (12) na 2020/2021; Gabri Veiga na 2022/2023 (11) e Larsen (13) na 2023/2024.

Os xogadores de campo que faltan por ver portería son Sergio Carreira, Ilaix Moriba, Hugo Sotelo —que o fixo en Copa—, Carlos Domínguez, Damián Rodríguez, Jailson e Franco Cervi, sen contar aos que se foron no inverno —Jonathan Bamba, Tadeo Allende e Luca da Torre—, a un Javier Manquillo que é descarte sistemático nos últimos meses, e a Yoel Lago, do B.

O reto do balance positivo

Agora mesmo, tras marcar tres goles ao Vilarreal e non recibir ningún nese último encontro disputado ata o de agora, o cadro celeste ten un balance de goles positivo: 50 a favor e 49 en contra. De conseguir rematar a liga con máis tantos anotados que recibidos, sería a primeira vez na actual etapa en Primeira, pois o mellor dato ata o de agora nese sentido deuse na campaña 2021/2022, cando os célticos a cifra en ambos os conceptos foi de 43, a cifra máis baixa no caso dos logrados polos rivais. Aínda que parece un reto moi complicado.

Ata o momento, os de Giráldez só se quedaron sen anotar en catro partidos, todos eles saldados con derrotas, sen ningún 0-0. Deles, dous foron a domicilio, ante Leganés (3-0) e Sevilla (1-0), e outros tantos na casa , fronte ao Atlético de Madrid (0-1) e ao Espanyol (0-2). Nunca marcaron máis de tres goles nunha mesma cita, pero ese máximo deuse en seis ocasións: en Balaídos, ante Valencia (3-1), Valladolid (3-1), Betis (3-2) e Vilarreal (3-0), e fóra, ante o mesmo Vilarreal e Barcelona (derrotas por 4-3 en ambos os casos).