Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Tres décadas celestes para tres goles

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOÁN CARLOS GIL

Aspas naceu nos oitenta; Borja Iglesias, nos noventa, e Fer López, no 2004; os tres pasaron polo filial e onte selaron un triunfo moi canteirán

24 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O triunfo do Celta sobre o Vilarreal leva o selo da Madroa. Porque Claudio Giráldez aliñou de inicio a sete xogadores con pasado no Celta B e meteu despois no campo a catro máis. Pero, sobre todo, porque os tres goles teñen denominación de orixe na factoría celeste, cada un nunha década diferente: porque Iago Aspas naceu nos oitenta; Borja Iglesias, nos noventa, e Fer López, no 2004.

Nunha tempada con dominio tan humillante da xente de casa en materia goleadora, que os tres tantos cheguen de xogadores con pasado na Madroa pode parecer algo normal, pero non deixa de ser unha excepción dentro do planeta fútbol. Fer López, o máis mozo dos tres, que tiña cinco anos cando Iago Aspas subiu aos altares no mítico partido ante o Alavés, abriu a lata demostrando instinto e colocación. O xogador con ficha do B, errara unha ocasión clara anterior, pero leu a asistencia de Alfon e colocou o pé do modo máis adecuado para adiantar a que equipo antes do descanso.

O segundo gol levou ao firma de Borja Iglesias. O dianteiro compostelán, nacido no 1993, viu os touros desde a barreira do último Celta europeo e agora quere participar da conquista. A de onte foi a súa novena diana da tempada, a cuarta en catro días. O Panda demostró a súa colocación de nove para aproveitar un rexeite e coar o balón entre a pernas do porteiro rival.

A estas alturas, xa ninguén dúbida de que Iago Aspas, nacido en 1987, é a maior lenda do celtismo, pero a súa media hora de onte confirma que aínda non dixo a súa última palabra. O dez tamén suma nove dianas, cinco delas, de penalti, igualando a súa marca do curso pasado cando aínda quedan cinco xornadas por diante para mellorar os seus números. A cuadratura do círculo dun equipo que en absoluto bota de menos o gol foráneo.