A década reinante de Iago Aspas

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOÁN CARLOS GIL

O grande emblema do Celta encadea dez tempadas anotando un mínimo de nove goles na máxima categoría do fútbol español

25 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cando un xogador camiña cara aos 38 anos, é inevitable ter presente que o final da súa carreira achégase. Incluso cuns cantos menos. Por iso cada vez que o capitán do Celta, Iago Aspas, enlaza unhas cantas xornadas discretas, sobrevoa a idea de que igual as súas tardes de gloria estean a chegar ao seu fin. Este mércores, fronte ao Vilarreal, volveu partir como suplente, pero esta vez disipou todas as dúbidas con «media hora soberbia», en palabras do seu adestrador Claudio Giráldez.

A grande actuación que asinou tras substituír a Borja Iglesias aos 66 minutos púidoa rubricar do xeito que seguramente máis lle gusta ao capitán: cun gol. Era o primeiro que marcaba en dous meses, desde o 21 de febreiro, para despedir a bancada de Gol con triunfo ante o Osasuna (1-0). E con este tanto son nove esta tempada, os mesmos que un Panda co que está empatado como pichichi celeste e igualando rexistro co que acabou a pasada campaña.

A cousa non acaba aí, senón que a gran lenda celeste encadea dez tempadas anotando un mínimo de nove goles, a súa cifra da pasada campaña e que aínda ten cinco xornadas por diante para mellorar; ata entón, o seu mínimo eran os doce da 2022/2023, a mesma cifra do seu curso debut na elite, dez anos antes. Entra así nun club selecto, converténdose no décimo futbolista que consegue marcar nove ou máis goles nunha decena de ligas de Primeira seguidas, segundo datos da conta de Twitter Afouteza e Corazón.

Os nomes que o conseguiran antes que Iago son Guillermo Gorostiza, Telmo Zarra, César Rodríguez, o excéltico Pahíño, Alfredo di Stéfano, Santillana, José María Bakero, Raúl González e Leo Messi. Neste período, desde o seu regreso ao Celta, Iago anotou 150 goles, máis que ningún outro futbolista na liga e con Griezmann como o máis inmediato perseguidor con 136; logo aparecen Gerard Moreno (114), Mikel Oyarzabal (84) e Iñaki Wiliams (81).

Menos minutos que nunca

A tempada pasada, os nove goles de Iago chegaron en 2.716 minutos repartidos en 31 partidos, cifras xa inalcanzables cando quedan cinco duelos por diante. Cun máximo de 2.029 en caso de completar as citas que quedan —algo que parece pouco probable—, é seguro que esta vai ser a súa liga de menos minutos en Primeira co Celta, pero xa se garantiu que non será, polo menos en solitario, os de menos goles.

Giráldez aseguraba tras o partido que o feito de que todo o mundo no vestiario poña o colectivo por diante do individual permite xestionar con máis facilidade as suplencias de Iago, aínda que non sexa sinxelo.Subliña que a súa prioridade é que o moañés estea «dispoñible en todos os partidos», xa sexa como titular ou desde o banco, e iso require coidalo. Considera que fronte ao Vilarreal se mostrou, unha vez máis, como un futbolista «diferencial».