![](https://img.lavdg.com/sc/g0F3rz0KVSsMzWH4tORk7HZO5F8=/480x/2025/02/01/00121738401542170960107/Foto/V_20250104_204924000.jpg)
O técnico do Celta pide que non renda o pesimismo polas baixas en Mestalla, ante un Valencia «máis perigoso» ao estar «ferido»
01 feb 2025 . Actualizado á 14:28 h.Na previa dun partido marcado polas múltiples baixas, o adestrador do Celta, Claudio Giráldez, pediu que non haxa pesimismo respecto á visita deste domingo ao Valencia. «Temos recursos dabondo. Tivemos partidos sen Iago (Aspas), con Hugo (Álvarez) desde o banco... A nosa forma de traballar é implicar a todos para que as baixas non sexan un drama», recalca. E garante que «os que saian van deixar a alma coas mesmas ganas», que os que faltan. «Imos facer unha convocatoria repleta de xogadores de nivel de Primeira e moi parellos».
O que se incorpora, no outro extremo, é un Iker Losada sobre o que o técnico matiza que «si que require adaptación», aínda que sexa menos e agarde un rendemento relativamente inmediato. «Coñecémonos moito, hai similitudes e diferenzas entre o Fortuna e o Xuvenil que coincidimos. Que sexa de aquí e coñecer todo axúdate a que sexa máis rápido, pero leva dous adestramentos». Considera que «sería inxusto pedirlle que renda xa ao seu mellor nivel» a Iker despois de dous adestramentos.
O que está claro, como repetira por activa e por pasiva e volveu a manifestar nesta comparecencia, é que lle de Catoira é da súa «agrado». «Vai achegar nas posicións de arriba coas saídas que tivemos. Ao acabar a tempada, valoraremos se acertamos ou non, pero estou contento cos xogadores que temos para afrontar o que queda». Nese sentido, non lle cabe dúbida de que manterán «a unión e a competitividade interna».
Respecto ao Valencia, é consciente de que se vai a notar que son «un equipo ferido» tras caer 7-1 fronte ao Barcelona. «É un escenario complicado. Creo que co novo míster, salvo este partido, só perderan contra o Madrid e estaban nunha dinámica boa. Están clasificados (para cuartos) en Copa», lembra. E chama a non esquecer que «o ano pasado, ata o final de tempada, estivo a loitar por meterse en Europa cun persoal moi similar». Agora serán «un rival perigoso» ao que intentarán minimizar» e será «importante» como arrinquen o partido, augura.
Giráldez prognostica que será difícil impor o seu xogo e espera que recuperen «un mellor xogo ofensivo» como adoitan ter, pero que lles faltou nos dous últimos choques. «Contra Athletic e Alavés, non me quedo contento coa achega ofensiva. No primeiro, creo que máis pola enerxía e boa formulación do rival e en Mendizorrotza, seguramente polo escenario e non ter xente para cambiarnos o ritmo. Queremos impornos sempre e ás veces é difícil de primeiras fóra de casa» É importante, engaden, saber que en fronte está un rival «ferido e que leva seis partidos cun adestrador, está no seu proceso de construción e de buscar adaptar teclas».
Os cantos de sirena do mercado
Co mercado pechado para o Celta -en palabras de Marco Garcés-, Tasos Douvikas pasa a ser «un máis». «Vémolo ben, vai ir crecendo. Sabemos o que pasou este mercado. Foi un xogador importante, confiamos en que o seguirá sendo. A cabeza ten que acompañar ás súas condicións físico-técnicas e están en bo camiño».
Preguntado por como recuperalo a nivel mental, afirma: «A cabeza é o motor de todos. Creo que cando acabe o mercado vai ser importante para os xogadores que estiveron en situacións estrañas e a Douvikas vai vir moi ben. É un dos motivos polos que digo que acabe canto antes». Móstrase comprensivo con que «como seres humanos, cando calquera escoita cantos de sirena sobre el, é normal que desestabilice».
Esta xornada, non dará a convocatoria ata que xogue o filial, pois hai un xogador que está citado por Fredi e podería estar en Mestalla. Si confirmou que Iago Aspas é a única baixa por lesión -están sancionados Mingueza, Marcos e Hugo- e que Alfon viaxa tras recibir a alta. Fer López está «cada vez mellor» tras os seus problemas físicos, aínda que leva moito tempo sen xogar de inicio, lembraba Claudio. O seu futuro e o de Yoel Lago no primeiro equipo dependerá de como vaian rendendo.