Perdeu nun lamentable partido co Levante, que non xogaba nada e estivo case un tempo cun menos, e xogará a permanencia na última xornada en Cornellá co Leganés a un só punto

X.R.CASTRO

Nin un guionista da película de terror podía debuxar un final de tempada así para o Celta. Os vigueses, nun lamentable partido caeron ante un Levante que non xogaba nada e que estivo case todo o segundo tempo cun menos. A derrota, unida á vitoria do Leganés, obriga aos vigueses para gañar ao Espanyol o domingo en Cornellá para evitar o descenso. Os pepineros xogarán na súa casa ante un Real Madrid xa campión. Unha situación complicadísima para un equipo afundido a nivel físico e sen rastro de fútbol nas súas botas.

O Celta non puido entrar peor ao que foi tachado de partido definitivo. Saíu brando, deixando que o Levante se plantase nos dominios de Iván cunha facilidade abraiante e encaixando tres goles dos que dous subiron ao marcador, ambos coa firma do macedonio Bardhi. O primeiro, chegando desde a segunda liña sen ningunha oposición e o segundo aproveitando un esvarón de Araujo para marcar de tiro cruzado. Entre medias de ambos, un gol anulado a Borja Mayoral por un fóra de xogo milimétrico de Clerc.

O 0-2 e o pésimo xogo do Celta, unido ao resultado de Mallorca pintaba un escenario desolador para os vigueses, pero a recta final do primeiro tempo, máis por empurre que por xogo, deulle aire ao equipo dun desesperado Óscar García. Santi Mina tivo a habilidade de pór o pé dereito no espazo libre dun córner para acurtar distancias e case sobre a bucina do descanso, un roubo de balón propicio que Iago Aspas empatase o partido a portería baleira tras driblar ao debutante Koke Vegas. O empate en Balaídos e as táboas no resto dos escenarios deixaban aos vigueses en Primeira no tempo de descanso.

O segundo tempo comezou igual, co Levante golpeando de novo tras unha boa xogada que ninguén acertou a tapar e que permitiu a Borja Mayoral marcar o terceiro. Pouco despois os granotas quedaron cun menos por expulsión de Miramón por unha entrada a Iago Aspas pero o Celta foi incapaz de salvar un punto, algo que puido facer se o VAR non lle anula a Nolito un gol no tempo de desconto. Unha pincelada máis no drama.

Ficha técnica:

2. Celta: Iván Villar; Kevin Vázquez (Hugo Mallo, min. 80), Murillo, Araújo (Juan Hernández, min. 90), Olaza; Okay (Bradaric, min. 45), Fran Beltrán (Nolito, min. 45), Rafinha; Brais Méndez (Gabriel Fernández, min. 84), Santi Mina e Aspas.

3. Levante: Koke Vegas; Miramón, Vezo, Rober Pier, Clerc; Rochina (Vukcevic, min. 93), Campaña, Radoja (Postigo, min. 93), Bardhi (Melero, min. 76); Borja Mayoral (Morais, min. 76) e Roger (Coke, min. 65).

Goles: 0-1 Bardhi min. 11; 0-2 Bardhi min. 28; 1-2 Santi Mina min. 36; 2-2 Aspas min. 45; 2-3 Mayoral, min. 52

Árbitro: Munuera Montero (colexio andaluz). Expulsou a Miramón con vermello directa no minuto 59; a Nolito por dobre cartón amarelo no minuto 94. Amoestou a Rafinha e Nolito por parte do RC Celta.

Incidencias: Encontro correspondente á trixésima sétima xornada de LaLiga Santander disputado no estadio Abanca Balaídos sen afeccionados.