O presidente galego pregunta á líder da oposición se manterá o apoio ao PSdeG e esta responde expondo se o PP está disposto a valerse dun presunto acosador para recuperar o poder provincial
17 dic 2025 . Actualizado á 14:16 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder da oposición, Ana Pontón, mantiveron esta mañá no Parlamento galego un acalorado debate co futuro da Deputación de Lugo como pano de fondo, en cuxa presidencia ata o día 30 está en funcións o xa dimitido José Tomé, ao que o BNG lle retirou o apoio polas denuncias de acoso sexual, pero que segue sendo chave ao manter a acta. O seu papel e o dos seus afíns será clave o día 14 de xaneiro, xornada na que se celebre o pleno para elixir presidente. Despois de que Pontón arrincase a súa pregunta reafirmando que o BNG ten «tolerancia cero coa corrupción», Rueda lanzoulle a pregunta. «Que van facer vostedes na Deputación de Lugo?», expúxolle. O xefe do Executivo galego cuestionou o compromiso dos nacionalistas co feminismo despois de que a líder do Bloque non «condenase os insultos machistas contra unha conselleira» -en relación ás viñetas da CIG para ridiculizar a Fabiola García- nin a protesta do 25-N na sede do PP que impediu saír a traballadoras do partido.
Na súa réplica, Ana Pontón devolveulle a pregunta a Rueda, en liña co argumentado os últimos días, cando o BNG afeara ao PP unha actitude «carroñeira» para recuperar o poder provincial en Lugo. «Quere vostede valerse dun acosador sexual para chegar á Deputación de Lugo?», díxolle. A líder nacionalista reprochou a Rueda que ofreza leccións de feminismo cando tivo sentado durante meses no Consello da Xunta a unha persoa «da que sabían que tiña unha denuncia», en referencia ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, que dimitiu xusto ao día seguinte de ser imputado.
Pontón tiña o futuro de Altri como pregunta ao presidente na sesión de control, pero a actualidade polos casos de acoso acabouse impondo nunha xornada na que José Ramón Gómez Besteiro, o portavoz socialista, non tiña quenda de intervención, o que lle permitiu situarse á marxe nunha semana na que foi o verdadeiro protagonista. Algo sobre o que ironizou Rueda na sesión de control. Despois da masiva manifestación o pasado domingo contra a planta que se proxecta en Palas, Pontón interpelou ao xefe do Executivo galego para saber que fará a Xunta, unha vez que a fábrica está fóra das axudas europeas e da conexión á rede eléctrica. «Vai vostede escoitar os galegos ou vai seguir exercendo de comercial de Altri?», preguntou a líder nacionalista, que acusou á Xunta de tratar de favorecer intereses privados por amais dos intereses da maioría social, e de ocultar información ao Parlamento sobre este proxecto.
Rueda acusou ao Bloque de utilizar Altri como comodín e de recorrer á tensión social para enturbar o clima ao ter poucas expectativas de gobernar. O presidente da Xunta apelou á responsabilidade que supón gobernar. «Fala do de sempre para non dicir nada», dixo o xefe do Executivo galego, que desexou que o Bloque siga instalado na «algarada e o conflito», o que permitirá ao PP seguir no Goberno galego coa confianza da maioría e os nacionalistas continuar na oposición.