Os vigueses déronlle a volta ao marcador no segundo tempo, pero encaixaron no 93 e nos penaltis non houbo cor
17 dic 2025 . Actualizado á 22:13 h.Esta Copa do Rey non estaba pintada para o Celta. Pasou no décimo cuarto penalti ante o Sant Andreu e onte, quedou eliminado ante o Albacete fallando os tres penaltis e encaixando outros tantos. Como sucedese no Narcís Sala, Iván Villar non cheirou nin o primeiro. O conxunto vigués condenouse cun pésimo primeiro tempo e por non saber gardar a remontada na segunda metade. Porque co 1-2 encaixou un gol no minuto 93 nun centro lateral pesimamente defendido, na prórroga non aproveitou as súas oportunidades e nos penaltis, a sorte parecía botada. O obxectivo de chegar a Nadal nas tres competicións se esfumó por completo.
O Celta non aprendeu a lección do Ludogorets. Repetiu o plan de partido, case o once e os mesmos erros. Claudio Giráldez expuxo un partido para xogar con espazos, con Jones como nove, con Aspas viaxando da dereita ao carril central e con Sotelo a cargo da sala de máquinas. Tamén con Mingueza de titular por quinto partido consecutivo.
A idea de agardar e contragolpear veuse abaixo por dous motivos: porque o Albacete, onde só repetiu un titular do domingo, saíu en bloque baixo para agardar e saír á contra. E no primeiro balón filtrado chegou un gol de Jelte, con algo tan sinxelo como correr ao espazo e marcar de tiro cruzado ante a indolencia do trío defensivo formado por Ristic, Yoel Lago e Javi Rodríguez.
Co 1-0 o Albacete tivo outro remate envelenado desde a dereita, pero os manchegos enseguida replegaron, xuntaron liñas e deixaron ao Celta facendo o parabrisas pero sen unha soa ocasión real en todo o primeiro tempo. Moito balón, pero moi lento; coas pezas descolocadas e sen un contra un. Por amais, o árbitro non sancionou as reiteradas perdas de tempo nin os agarrones que sufría Jones. No descanso, Raúl Lizoain foise ao vestiario sen facer unha soa parada. Tan só dúas penetracións ata a liña de fondo pola esquerda, e nada máis.
Un triplo cambio, con Borja Iglesias, Miguel Román e Manu Fernández no campo, ademais dalgún axuste táctico, parecían arranxar o desaguisado. Aínda que Jones fallou a porta baleira e a Borja Iglesias anuláronlle un gol nunha fase do xogo na que o Celta era claro dominador, os de Claudio Giráldez foron capaces de darlle a volta ao marcador. Yoel Lago empatou cun potente cabezazo nun saque de córner pouco despois da hora de partido e un cuarto de hora despois Borja Iglesias puxo o 1-2 demostrando que é o xogador máis diferencial do equipo esta tempada. Mingueza sacou un bo centro desde a esquerda, e entre os centrais rivais o compostelán controlou co peito e picou a pelota ao fondo das mallas tras deixala botar.
Co 1-2 comezaron os problemas. Borja apenas podía andar polo campo por molestias nas costas, o Albacete comezou a gañar metros e aínda que non creaba claras ocasións transmitía unha sensación de perigo que se converteu en gol no minuto 93. Foi un centro lateral desde a dereita que ninguén cortou e que acabou cun cabezazo de Vallejo ao fondo das mallas.
Na prórroga, Jutglà relevou como sexto cambio ao Panda e o catalán foi o máis incisivo dos vigueses, que tiveron dúas ocasións claras. Unha en cada parte: na primeira o tiro de Ferran sacouno Lizoain e na segundo, xa no segundo acto da prolongación, Ilaix Moriba disparou demasiado inocente ás mans do porteiro rival.
Sen pólvora e sen forzas, quedaba a lotería dos penaltis, pero coa sensación das cartas marcadas. O Albacete marcou os tres primeiros e o Celta errou os tres. O pau negou o gol a Mingueza, Lizoain desviou o de Hugo Álvarez e Iago Aspas lanzou ás nubes. Fin da Copa.
FICHA DO PARTIDO
2 Albacete: Lizoain, Lorenzo (Gámez, min.94), Javi Moreno, Neva (Agus Medina, min.80), Jogo, Valverde (Morci, min.71), Ale Meléndez, Capi (Vallejo, min.57), Javi Villar (Riki, min.71) Escriche e Jefté (Puertas, min.57).
2 Celta de Vigo: Iván Villar, Javi Rueda (Borja Iglesias, min.46) (Ferrán Jutglá, min.91), Javi Rodríguez, Yoel Lago (Starfelt, min81), Ristic (Manuel Fernández, min.46), Mingueza, Hugo Sotelo (Miguel Román, min.46), Ilaix Moriba, Hugo Álvarez, O-Abdellaoui (Williot, min.71) e Iago Aspas.
Goles: 1-0: Jefté (17') 1-1: Yoel Lago (63') 1-2: Borja Iglesias (75') 2-2: Vallejo (92')
Quenda de penaltis: Albacete 3-0 Celta
Árbitro: Guzmán Mansilla (Comité Andaluz). Mostrou cartolinas amarelas aos locais Puertas e Riki, e aos visitantes Javi Rueda e Yoel Lago.
Incidencias: Encontro correspondente aos dezaseisavos de final de Copa do Rey disputado no estadio Carlos Belmonte coa presenza de 12.106 espectadores.