Anxo Quintana, na reivindicación do bipartito: «Hai que arremangarse para converter a Ana Pontón na próxima presidenta da Xunta»
GALICIA
O exvicepresidente da Xunta puxo en valor o traballo feito entre o 2005 e o 2009 para transformar Galicia nun acto no que falaron tres dos catro conselleiros daquel equipo: Alfredo Suárez Canal, Fernando Blanco e Teresa Táboas
14 dic 2025 . Actualizado á 11:56 h.O que fose vicepresidente do goberno bipartito entre os anos 2005 e 2009, Anxo Quintana, asegurou este mediodía en Santiago que agora toca traballar e remangarse «para converter a Ana Pontón na próxima presidenta da Xunta». Así o expresou ao finalizar o seu discurso nun acto que reuniu en Santiago aos membros do á nacionalista daquel goberno de coalición, presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, a última experiencia da esquerda a cargo da comunidade autónoma. Desde entón, o PP acumula cinco maiorías absolutas consecutivas. Anxo Quintana agradeceu o compromiso, a lealdade e o amor por Galicia de todos os que participaron naquela experiencia, e tamén tivo palabras de afecto para o BNG «porque nos dera a oportunidade de representalo».
O exvicepresidente lembrou que, naqueles tres anos e medio de goberno, xeráronse as estruturas necesarias para impulsar transformacións en favor dunha maioría social, cunha idea de país, e tomáronse decisións en asuntos que, dúas décadas despois, están de actualidade, como a necesidade de apostar pola vivenda público ou o impulso á rede pública de centros da terceira idade.
Quintana asegurou que non son «nostálxicos que miran para o pasado», senón persoas que aínda seguen as noticias todos os días e comproban a «ansiedade» da política española, ante a que ten o convencemento de que se a política galega é outra cousa é «porque existe o BNG», ao que situou como o «elemento diferenciador» sen o que Galicia sería «exactamente o mesmo que Castela e León, Andalucía ou Extremadura».
No acto interviñeron Alfredo Suárez Canal, que ocupou a carteira de Medio Rural, Teresa Táboas, de Vivenda, e Fernando Blanco, de Industria. Non acudiu a que fose responsable de Cultura, Ánxela Bugallo, de quen se acordou na súa intervención Anxo Quintana e destacou que baixo o seu mandato se impulsou a conversión do Pazo de Meirás en Ben de Interese Cultural. Os tres exconselleiros coincidiron con Quintana na necesidade de usar o pasado para mirar o futuro co desexo de que o BNG volver á Xunta. «O nacionalismo, cando tivo a oportnidade de gobernar, evidencioulle á xente que tiña un proxecto», lembrou Alfredo Suárez Canal.
A exconselleira de Vivenda Teresa Táboas coincidiu en que «foron como un chispazo de luz que a moitos cegou e, por iso, tiveron que pechalo e cortarlo», pero a arquitecta augurou que «volverá a pasar e volverán a sair flores», porque co Goberno bipartito deixaron «a semente» que volverá florecer cando goberne o BNG.