A primeira xornada de folga dos médicos obrigou a cancelar 250 operacións e 6.900 consultas nos hospitais galegos
GALICIA
A incidencia subiu este mércores, sobre todo nos grandes complexos hospitalarios
10 dic 2025 . Actualizado á 14:10 h.A primeira xornada de folga convocada polos médicos en contra do estatuto marco, e en Galicia tamén para demandar melloras á Xunta, obrigou a cancelar 250 intervencións cirúrxicas, 6.900 consultas hospitalarias, 5.400 citas en centros de saúde e unhas 625 probas complementarias de todo tipo. Un impacto asistencial que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cualificou de «terrible» e que irá en aumento xa que o seguimento subiu este mércores no segundo día de paro.
A subida prodúcese ademais nos grandes complexos hospitalarios, onde se realizan a maioría destas intervencións. Segundo as cifras do Sergas, a incidencia global deste mércores en xornada de mañá é de 21,25%, tres puntos por amais dos datos do martes, e sobe ata case o 28% en atención hospitalaria. Destaca o complexo hospitalario de Vigo, con máis dun 35%, e o CHOP, onde un de cada tres médicos secundou a folga. Nos comarcais baixou un pouco a incidencia, mentres que en atención primaria situouse en pouco máis do 6%. As cifras dun dos sindicatos convocantes, Ou´Mega, elevan a participación a máis do 80% en todos os hospitais, mentres que no caso de primaria sitúana por amais do 70% en todas as áreas sanitarias menos en Lugo.
Gómez Caamaño solicitou á ministra que faga un esforzo negociador e que non volva repetirse unha situación como a desta semana, «na peor época do ano», en referencia ao aumento da demanda pola gripe e as infeccións respiratorias. O Sergas está a avaliar o impacto asistencial, que teme que aumentará nos próximas días, para reprogramar toda esta actividade, «que engade tensión ás listas de agarda, xa que todo o que se está deixando de facer hai que facelo no futuro».
A Xunta insiste en que en só unha xornada canceláronse 13.200 procedementos terapéuticos, «e hai que pensar que detrás de cada procedemento hai unha persoa, unha persoa que leva tempo agardando». Sobre a convocatoria de Ou´Mega, que tamén reivindica medidas por parte da consellería, Caamaño asegura que se están negociando en mesa sectorial e que o principal motivo da folga é o estatuto marco. «A ministra abriu un melón que non sabe como pechar, que retire o borrador do estatuto marco e comece a negociar», insiste, xa que non son só os médicos os que protestan contra este documento, senón a maioría de categorías profesionais.
Unha das reivindicacións dos facultativos é contar cun estatuto propio. Sobre isto, o conselleiro, tamén médico, asegurou que aínda que o envoltorio é o de menos, «o que temos que ter claro é que os profesionais da medicina teñen unha formación, unha responsabilidade especial e un traballo especial. Por tanto, esa singularidade que ten o médico ten que ser recollida nun estatuto», concluíu.