Santiago terá un centro de acollida para mulleres vítimas de violencia con problemas de adicción
GALICIA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anuncia no Parlamento que os centros móbiles de información, que percorrerán os campus universitarios e os municipios do rural, estarán operativos na segunda quincena de decembro
18 nov 2025 . Actualizado á 20:55 h.A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá no Parlamento galego -onde compareceu a petición propia- que Santiago contará cun novo centro de acollida para mulleres maltratadas que arrastren problemas de adicción. Esta nova casa, que ampliará a Rede Galega de Acollemento, situarase nun edificio reformado do barrio de Aríns e estará operativa o ano que vén. Un proxecto que a Xunta impulsa en colaboración con Proxecto Home, que conta cunha longa traxectoria en rehabilitación de persoas con problemas de drogas. O centro que finalmente se abrirá en Santiago ía situarse no Concello do Porriño, pero non puido ser por problemas de índole administrativa.
Na semana previa ao día que conmemora a eliminación da violencia de xénero, a conselleira anunciou tamén que os centros móbiles de información, que percorrerán os campus universitarios e os municipios do rural, estarán operativos na segunda quincena de decembro. Na súa comparecencia parlamentaria, Fabiola García puxo o foco tamén no forzo do marco normativo. «A Xunta está ultimando o texto da futura Lei de Acoso e Violencia Dixital, tras realizar entre setembro e outubro a consulta pública previa», avanzou a conselleira que, na súa intervención, explicou que proximamente se convocará a comisión de avaliación do texto normativo, paso previo á súa publicación e á apertura da fase de alegacións.
Despois de lembrar ás dúas vítimas mortais contabilizadas no que vai de ano, a conselleira destacou que o esforzo investidor da Xunta permitirá o mantemento e reforzo das diferentes prestacións económicas que ofrece para que as vítimas poidan gañar independencia dos seus agresores. Manteranse así as axudas periódicas mensuais de ata 800 euros durante 12 meses, ás que se destinarán 4,2 millóns de euros, e os apoios de pago único para mulleres con poucos recursos e difícil acceso ao mercado laboral.
Pola súa banda, o portavoz de Igualdade do PSdeG, Paloma Castro, advertiu de que Galicia está a retroceder de forma alarmante en materia de igualdade e de protección das mulleres vítimas de violencia. A deputada socialista denunciou que o Consello de Contas xa denunciou un decrecemento continuado dos fondos de prevención e sensibilización desde o 2018, o que evidencia, ao seu xuízo, que «a Xunta renunciou a políticas estructurais para combatir a violencia machista».
Noa Presas, do BNG, denunciou que a Xunta non está a desenvolver a lei autonómica de violencia de xénero e que vive instalada nos anuncios e as promesas, sen que se perciban cambios substanciais. «Non imos aceptar leccións de feminismo do PP», reprochou a deputada á conselleira.