
Catro décadas sufrindo o drama da droga e a miseria do narcotráfico, poderosas organizacións criminais que consideran a Galicia como o seu patio de operacións e unha das principais portas de entrada da cocaína con destino a media Europa. Asentamento crecente de bandas internacionais que chegaron para quedarse con violencia, ambición e sen escrúpulos. Unha sólida industria clandestina de fabricación de narcolanchas para consumo propio e para o Estreito. Laboratorios para fabricar a cocaína en chan galego, que supoñen un salto cualitativo gravísimo. Destino preferente de cargamentos de heroína que abastecen á comunidade e ao norte de Portugal.
Por se isto fose pouco, nos últimos anos constatamos a presenza case rutineira nas nosas rías de narcosubmarinos cargados de cocaína. Máis droga que nunca, entrando por terra, mar e aire. Escasos medios e insuficiente dotación de persoal nas unidades antidroga. Importantes restricións legais. Xulgados empantanados por causas de narcotráfico que os desbordan. Lanchas, helicópteros e medios antigos que non se repoñen. Tráfico desbocado, cargamentos de marca e prezos en mínimos históricos, coa droga nas rúas cada vez máis barata e accesible... Esta é a realidade actual. Que máis fai falta para que Galicia teña un Plan Especial contra o Narcotráfico?
É evidente que Galicia necesita atención preferente e prioritaria, con medios, recursos e unha planificación á altura do desafío que enfrontamos, adaptada ás especiais características e a problemática deste territorio. Un plan que aborde de forma integral a necesaria dotación de medios —humanos, materiais e legais— para as forzas de seguridade e a Administración de Xustiza, xunto á máxima implicación gobernamental. É urxente reaccionar antes de que a situación se nos vaia aínda máis das mans, porque isto hai tempo que xa non é o problema duns poucos.
O narcotráfico e as drogas convertéronse desde hai tempo nunha ameaza para a saúde, a seguridade e o benestar de toda a nosa sociedade. É o que está a pasar e é un clamor compartido por todos que o noso gobernante deberían escoitar. É perentorio porse ao choio. Pero o primeiro paso para solucionar un problema é recoñecer que o tes. E logo veñen as solucións, que ao noso xuízo e entre outras moitas cousas, deben abordar dúas cuestións imprescindibles: reforzar a nosa Xustiza e as nosas forzas de seguridade.
Resulta imperativo axilizar a Xustiza e dotala dos medios necesarios. Cambiar algunhas leis anacrónicas e que non se corresponden coa realidade actual nin coa gravidade dos delitos cometidos. Cunha Lei de Axuizamento Criminal do século XIX enfrontámonos a poderosos carteis internacionais da droga con financiamento ilimitado, medios e organización do século XXI. E fronte a eles Policía Nacional, Guardia Civil, Vixilancia Aduaneira e profesionais da Xustiza comprometidos coa causa realizando un traballo excelente pero cos medios en precario.
Os narcos con presuposto ilimitado, e os nosos co posto. E debemos dar os medios necesarios ás nosas forzas de seguridade para cubrir as principais zonas xeográficas polas que pode entrar a droga, é o mínimo imprescindible e que agora non temos. No caso galego, con máis de 1.500 quilómetros de costa e a súa especial orografía necesítase especialmente un reforzo. Non só para perseguir e deter narcolanchas, senón para ter unha presenza preventiva e disuasoria realmente eficaz.