Os alumnos ata cuarto de primaria non terán acceso a dispositivos electrónicos individuais nos colexios

Xosé Vázquez Gago
X. Gago SANTIAGO

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

A medida, que permitirá o uso colectivo e supervisado de novas tecnoloxías en idades temperás, aplicarase desde o curso 2026-2027, cando entre en vigor a nova Lei de Educación Dixital da Xunta

01 sep 2025 . Actualizado á 22:32 h.

A Xunta limitará o uso de dispositivos electrónicos no ámbito educativo entre educación infantil e cuarto de primaria, período no que só se poderán usar de forma colectiva baixo supervisión do profesorado e de forma iniciática, polo que non haberá dispositivos individuais. Si se poderá facer uso en solitario a partir de quinto de primaria, xa que a esa idade os menores poden discernir con máis claridade o uso que fan deses aparellos, explicou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Na ESO, as novas tecnoloxías empregaranse para ensinar o bo uso deses dispositivos e para trasladar competencias básicas aos alumnos.

A regulación do acceso á tecnoloxía por etapas é unha das principais novidades Lei de Educación Dixital, que o Goberno galego agarda ter en vigor para o próximo curso, explicou Alfonso Rueda.

O titular do Goberno galego presidiu o Consello da Xunta no que se analizaron os traballos de redacción do texto, que recibiu máis de 600 achegas na súa fase de exposición ao público, o dobre que calquera outra lei.

O conselleiro destacou esa cifra como un indicador do interese que espertou a norma, «pioneira en España». O obxectivo do texto é abundar no «modelo [educativo] híbrido» que promove a Xunta, que aspira a compaxinar o uso de métodos tradicionais de ensino coas novas tecnoloxías.

Rodríguez subliñou que a aplicación da norma requirirá da cooperación das familias, xa que o efecto de regular as novas tecnoloxías na aula non producirá efecto se na casa non se segue algunha pauta. A Xunta prevé con ese fin que se organicen nos centros sesións especiais de titoría coas familias.