Alfonso Rueda apela ao reparto equitativo dos recursos públicos «para equiparar a prestación de servizos a todos os españois»

M. Cedrón SANTIAGO

GALICIA

O arcebispo de Santiago cualifica de «inaceptable» usar os inmigrantes como «arma política»

25 jul 2025 . Actualizado a las 22:31 h.

Ao paso da Marcha das Chirimías, Alfonso Rueda cruzou esta mañá o Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Non o fixo só como presidente da Xunta, fíxoo como delegado rexio do monarca Felipe VI para, no seu nome, presidir a ofrenda ao Apóstolo Santiago. Rueda entrou na basílica despois de pasar revista aos infantes de Mariña e soldados que uns minutos antes formaran nunha praza do Obradoiro despexada para recibir a conselleiros, concelleiros, deputados, alcaldes... ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices; ao delegado do Goberno, Pedro Blanco; á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; ao líder do PP, Alberto Núñez Feijoo. A todos saudou Rueda tras pasar revista.

De súpeto, fíxose o silencio no Obradoiro. Foi un segundo ata que, ao lonxe, comezou a escoitarse o son da banda municipal que pechaba o paso da procesión que, dende a praza das Praterías, portaba o relicario de Santiago Peregrino de Geoffroy Coquatrix. Alfonso Rueda uniuse ao séquito para saudar ao arcebispo e, pouco a pouco, como manda o protocolo, o resto dos presentes seguiuno para tomar asento no interior da catedral.

Foi despois da lectura do Evanxeo de San Mateo cando o presidente da Xunta fixo a súa ofrenda, unha mensaxe na que combinou as dúas linguas oficiais de Galicia. Castelán, primeiro. Galego, despois. E xusto despois de manifestar «o seu orgullo» por ser o «representante ordinario do Estado en Galicia, sempre leal á Constitución española e ás institucións que dela emanan e culminan na Coroa», lanzou varias mensaxes que concentran algúns dos retos dos que, como el, ocupan un cargo público. Dende tratar de arranxar os problemas de vivenda —aos que tamén aludiu despois o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto— ata garantir servizos públicos de calidade, afondar na nosa riqueza cultural e lingüística ou xestionar os desafíos que supón a chegada da intelixencia artificial.

Apelou Rueda tamén a construír unha «sociedade de persoas libres e iguais, na que, coma nos camiños, ninguén sexa máis ca ninguén: iguais en dereitos e obrigas, sexa no acatamento e cumprimento da lei; sexa no reparto das cargas tributarias; sexa na distribución dos recursos públicos para equiparar a prestación de servizos ao conxunto dos españois; ou sexa na materialización da solidariedade entre territorios». 

A inmigración

Rueda, sen esquecer a historia emigrante de Galicia, incidiu tamén no tema da inmigración. Apelou a «atopar o necesario punto de equilibrio desde o que regular con acerto a emigración». E dese xeito, como engadiu, «rematar coas mafias que se lucran co tráfico ilegal de persoas inocentes que simplemente buscan un futuro mellor para eles e para as súas familias, como fixemos por certo os galegos durante moito tempo, nun pasado non tan lonxano».

Non foi o único que falou dela. Na homilía, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, ademais de denunciar «a barbarie de Gaza» alzou a voz na defensa de inmigrantes e refuxiados ao entender como «inaceptable» usalos como «arma política».

«Institucións manchadas por prácticas impropias»

A recuperación da confianza nas institucións, «manchadas por prácticas impropias de personas decentes», foi outro dos asuntos que deslizou Alfonso Rueda durante a ofrenda: «En una España enfrascada en la polarización extrema [...] urge una apuesta por recuperar la integridad y el respeto a la ley como patrones de conducta y garantes de un futuro mejor», dixo. E o arcebispo compostelán, Francisco José Prieto, tamén fixo un chamamento a «erradicar calquera forma de corrupción», que cualificou coma «un pecado que afecta á dignidade humana e instrumentaliza as persoas con fins egoístas».

E o presidente da Xunta pediu tamén tolerancia para superar outra «tentación». A da «turismofobia». Esa demanda fíxoa nun día no que os peregrinos e turistas que circulaban por Compostela no seu día grande se preguntaban en cento e un acentos por que estaba restrinxido o acceso á praza do Obradoiro.

Só algúns conseguiron achegarse ata as estruturas que pechaban o acceso á porta principal da catedral polo Obradoiro. Dende primeira hora da mañá, engalanadas coas súas coroas de flores de tiaré reservadas para as cerimonias, agardaban alí un grupo de peregrinas «católicas» que chegaron o día anterior dende Tahití, na Polinesia francesa. «Venimos desde el otro lado del mundo para ver la celebración», contaba Tokahi nun castelán con acento francés.

O grupo chegado dende o outro lado do mundo destilaba a emoción de descubrir os fastos para honrar o apóstolo Santiago. E miraba, de esguello, os dous soldados que colocaban o cordel para marcar o lugar no que formarían as tropas que esperaban o delegado rexio.