O incendio forestal de Vilardevós arrasa 570 hectáreas

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

VILARDEVÓS

Os veciños de Dona Elvira tiveron que ser confinados pola proximidade das chamas e os do propio núcleo urbano pola intensa fumareda. A Xunta activou o nivel 2 de emerxencia

03 ago 2025 . Actualizado á 12:06 h.

O incendio forestal de Vilardevós avanza con rapidez e afecta xa a 570 hectáreas da Serra de Penas Libres. A Consellería do Medio Rural informou de que o lume se iniciou na parroquia de Terroso ás 23.04 horas do venres. Hai dous núcleos que estiveron confinados, a aldea de Dona Elvira, pola proximidade das chamas, e o propio Vilardevós, pola intensa fumareda, aínda que esa medida xa se suspendeu. Un amplo despregamento de servizos de emerxencias actúa na zona, cos equipos de extinción autonómicos, a BRIF de Laza e a de Tabuyo do Monte (León) e a Unidade Militar de Emerxencias. A Xunta activou a situación 2 de emerxencia.

@lavozdegalicia_

🔴 El incendio forestal de #Vilardevós ya es el más grave de lo que va de verano en Galicia

♬ sonido original - La Voz de Galicia 📰

Durante a noite, esta mañá e a tarde o lume foi arrasando rapidamente unha ampla superficie da montaña ourensá, sendo o incendio máis grave no que vai de verán. Ás 08.30 horas a superficie afectada era de 70 hectáreas, ás 10.15 o goberno autonómico informou de que acadaba as 120, tres horas despois xa eran unhas 200 e ás 14.40 horas subía ata as 400. A última hora da tarde eran 500 e, segundo informou a Consellería do Medio Rural na mañá deste domingo, neste momento xa son 570. Están mobilizados 4 técnicos, 33 axentes, 43 brigadas, 32 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 10 avións. A BRIF de Laza acudiu con 16  bombeiros forestais e dous helicópteros. Desde primeira hora do sábado tamén colabora a brigada de Tabuyo do Monte, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Ao mediodía uníronse equipos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) con base en León.

A Xunta activou a situación 2 como medida preventiva pola proximidade das chamas aos núcleos de Dona Elvira e Enxames. A alcaldesa de Vilardevós, Eva Pérez, recomendou aos veciños non saír das súas casas coas portas e fiestras pechadas pola gran fumareda que afecta o municipio. Os veciños da aldea de Dona Elvira e de Vilardevós estiveron confinados. Actualmente a poboación no concello é moito maior que o resto do ano porque regresan xente emigrada para as vacacións de verán. A rexedora lembra que as altas temperaturas agardadas para as próximas horas poden complicar a situación. O domingo agarda alerta amarela.

Neste mes de xullo, rexistráronse incendios na provincia de Ourense en Carballeda de Avia, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa. A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto, o 900 815 085, para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento.