José Tomé dá por pechada a crise do PSOE de Lugo: «O goberno segue e quedou todo aclarado; houbo un cúmulo de malos entendidos»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

GALICIA

José Tomé, tras la reunión con los diputados de su partido.
José Tomé, tras a reunión cos deputados do seu partido. Óscar Cela

O grupo provincial socialista, incluídos os tres deputados díscolos, mantivo unha reunión de varias horas na que se limaron as diferenzas que xurdiron desde antes das primarias do PSdeG lucense e tras o plante desta semana dos críticos no pleno

27 jun 2025 . Actualizado á 12:21 h.

Foron algo máis de 48 horas de crise aberta ao público do PSOE de Lugo, escenificada coa ausencia de tres deputados ao pleno da Deputación do pasado martes, pero tras unha reunión celebrada esta tarde, e que os seus protagonistas cualificaron de positiva e frutífera, resolveuse coa esperanza de seguir avanzando nos dous anos de mandato que lle queda a José Tomé a cargo da Deputación de Lugo. Precisamente este 1 de xullo cúmprense dous anos da súa última toma de posesión. «Isto non volverá suceder» foron algunhas das primeiras palabras de Tomé tras o encontro deste xoves.

«Foi unha situación insólita, pero nesta reunión quedou todo aclarado, porque houbo malos entendidos, e chegouse ao compromiso de que non volverá a suceder». Así o manifestou o mandatario da Deputación ao termo dunha reunión que estaba prevista para unha hora pero que acabou alongándose outra máis.

«Tivemos un debate sincero e aberto, transparente, e tranquilo, onde acordamos ter unha canle de comunicación máis directa cos deputados que faltaron, polo que o goberno continuará con estabilidade, e mañá mesmo haberá xunta de goberno e estarán os dous compañeiros que faltaron ás ultimas reunións», explicou Tomé.

No encontro —ao que faltou o alcalde de Foz porque tiña á mesma hora asemblea para elixir responsable local do partido, pero que interveu a distancia—, o primeiro en falar foi o propio Tomé, que fixo unha exposición do problema. Logo comezou unha rolda de quenda por cada un dos deputados, que foron explicando as súas ideas e posturas, para logo iniciar un debate onde se analizaron os matices que levaron á crise aberta o pasado martes.

Ao rematar a reunión, todos os deputados fóronse xuntos a tomar algo a unha terraza, mentres Tomé, que se sumou despois ao grupo, falaba ante a prensa por primeira vez desde o plante do martes. Foron algo máis de 48 horas de silencios e arrefriado dos ánimos tanto pola parte dos díscolos como do núcleo de goberno de Tomé: «A estabilidade institucional da Deputación está garantida. O pleno do martes celebrouse con normalidade, porque aínda que non estiveron tres deputados, eu sempre dixen que a Deputación tiña que ser noticia polo que se fai e non coma noutras épocas nas que houbo leas e interrupcións», sinalou Tomé.

Por que sucedeu?

Ante o clima de cordialidade que transmitiu nas súas palabras Tomé e a imaxe de sacarse un peso de amais do resto de deputados, a pregunta na rolda de prensa foi obrigada: «Por que deuse esta situación?». O presidente da Deputación dixo que «non foi nada concreto, só a percepción de que faltaba algo de comunicación hacia eles», por iso dixo que se intentará mellorar as canles internas de diálogo, aínda que tamén apuntou que a ausencia ao pleno «é un feito que non debe producirse e non volverá a ocorrer, porque se hai algunha cuestión que falar, faise con total transparencia e sen escurantismo». Neste sentido, apuntou que non sabía que había malestar por parte dos tres deputados e que non ían acudir ao pleno: «Dificilmente podía facer outra cousa se non o sabía».

O secretario xeral do PSdeG de Lugo descartou que a ausencia do pleno supoña algún tipo de sanción interna dentro do partido para os tres deputados, aínda que dixo que se estes feitos volvesen producir si que tería que trasladar aos órganos do partido a situación. Tomei, que fala todos os días con Gómez Besteiro, sinalou que neste proceso de crise non chegou a intervir nin mediar o secretario xeral do PSdeG.

Tomei, do mesmo xeito que transmitira a parte dos deputados díscolos que lideraba o seu adversario nas primarias, Iván Castro, desligó a crise dos resultados das primarias. O presidente provincial volveu insistir en que non vai integrar a ninguén da outra candidatura na súa executiva, e dixo que precisamente o cesamento da asesora do grupo afín aos díscolos formaba parte do acordo da anterior executiva, na que si estaban todos integrados, «e o normal é que cando un inicia un mandato, fanse equipos que funcionan no ámbito da confianza». O responsable do PSOE lucense aproveitou para dicirlle aos militantes que «o acontecido non é algo edificante, que disculpen e isto non vai volver suceder».

Besteiro tamén dá por pechada a crise

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, deu por «resolta» a crise do PSOE de Lugo despois de que o martes o goberno da Deputación perdese varias votacións no pleno pola ausencia dos tres deputados socialistas que lideraron a candidatura alternativa a José Tomé no proceso de primarias: Iván Castro, José María Arias e Marisol Morandeira.

A preguntas dos medios este venres tras visitar a sede de Ilunion Téxtil Care en Santiago, o líder dos socialistas galegos remitiuse ás declaracións realizadas polo presidente do PSOE de Lugo, José Tomé, nas que daba por resolta a crise.

«'Resolto' totalmente, tal e como manifestou José Tomé. Polo tanto, creo que esas palabras deixan meridianamente claro que ou asunto está absolutamente 'resolto'», insistiu. Así mesmo, Gómez Besteiro aseverou tamén que unha cuestión deste tipo «non se vai a volver reproducir».