A Sala de Goberno do Tribunal Superior esixe que o novo programa informático se poida usar en galego

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Sede del TSXG.
Sede del TSXG. CESAR QUIAN

Actualmente é imposible tramitar procedementos integramente en galego

20 jun 2025 . Actualizado a las 19:54 h.

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprobou onte solicitar ao Ministerio de Xustiza e á Xunta que a nova aplicación informática para a tramitación de procedementos xudiciais permita o seu uso en lingua castelá e galega indistintamente. O órgano de goberno recórdalle ao ministerio que quen desenvolveu o novo sistema é a Xunta, que asumirá a súa implantación na comunidade. Ademais, destaca que tanto a Constitución española como o Estatuto de Autonomía recoñecen o idioma galego como lingua oficial e propia da comunidade.

Máis de 350 profesionais da Administración de Xustiza, argumenta o TSXG, remitíronlle un escrito ao Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que dirixe o ministro Félix Bolaños, e ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, na que tamén reclamaron que a aplicación Atenea, cuxa entrada en funcionamento está prevista para xaneiro do ano que vén, se desenvolva nas dúas linguas oficiais da comunidade.

Ademais, recordaron que actualmente non é posible tramitar procedementos integramente en lingua galega nin asegurarlle á cidadanía a notificación de resolucións neste idioma. A actual aplicación informática, chamada Minerva, que é a que está operativa desde hai vinte anos, foi programada polo ministerio en castelán, igual que pasou con Atenea, e transferida á Xunta.

Os profesionais da Xustiza lembran nese escrito que, ao longo dos máis de vinte anos que leva vixente a aplicación Minerva, «nin a Administración estatal forneceu o recurso en galego nin a autonómica procedeu á súa tradución», polo que o persoal que tivo que tramitar ou notificar resolucións en galego debeu crear arquivos separados de modelos de documentos cos que substituír os da aplicación. Tampouco os cidadáns se poden dirixir á Administración de Xustiza en galego por escrito porque non hai formularios no programa Minerva.