A matrícula nas Escolas Oficiais de Idiomas abre este luns

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ÓSCAR CELA

Os interesados poden escoller entre unha oferta de 11 linguas diferentes

08 jun 2025 . Actualizado á 16:37 h.

A matrícula nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia abrirá este luns, segundo recolle a resolución pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nestes centros para o curso 2025/26. A Xunta sinala que o alumnado matriculado no actual curso 2024-25 que resulte apto na convocatoria ordinaria de probas e desexe continuar estudos no curso 2025-26 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 9 e o 23 de xuño.

Os interesados poden escoller entre unha oferta de 11 linguas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

A convocatoria extraordinaria de matrícula (para o alumnado apto, non apto ou non presentado na convocatoria extraordinaria de probas) será do 27 de xuño ao 7 de xullo. Pola súa banda, o alumnado de novo ingreso deberá realizar unha preinscrición en liña entre o 16 de xuño e o 7 de xullo.

A adxudicación de prazas realizarase mediante sorteo nun acto público o día 9 de xullo na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. O alumnado de nova incorporación que obteña praza no devandito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 10 e o 21 de xullo.

Unha vez finalizado o proceso de matrícula e ata o día 19 de setembro, en caso de quedar prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listas de espera, se as houbese, ou atendendo as solicitudes de alumnado de novo acceso que non realizase o proceso de preinscrición.