A Xunta incrementou a 408 os expedientes sancionadores a aloxamentos turísticos

GALICIA

O responsable da Axencia de Turismo, Xosé Merelles, responde o Concello de Santiago que dar de baixa as presuntas vivendas turísticas ilegais en bloque é unha medida «stalinista»
04 jun 2025 . Actualizado á 15:17 h.A Xunta incrementou un 15% as inspeccións a aloxamentos turísticos en Galicia durante o pasado ano, mentres que os expedientes sancionadores creceron un 13%, pasando de 362 a 408, segundo explicou este mércores no Parlamento galego o director da Axencia de Turismo, Xosé Merelles. O responsable autonómico compareceu en comisión para presentar o plan de inspección turística, centrado especialmente nas vivendas de uso turístico (VUT), onde indicou que o número de actuacións eleváronse de 3.584 a 4.134 o ano pasado.
O director da axencia destacou que as VUT «medraron de xeito moi importante nos últimos anos», aloxando durante o 2024 a un millón e medio de visitantes, cifrou. Segundo dixo, «absorben parte do crecemento da demanda» turística, que se reparte «cada vez máis no tempo e no territorio». Merelles explicou que as actuacións se centraron en cotexar a información obtida a través das páxinas web e outros medios de publicidade onde se anuncien os titulares destes aloxamentos para verificar a declaración de responsabilidade e tamén o seu número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. Segundo os últimos datos, a xuño deste ano existen en Galicia unhas 28.000 vivendas de uso turístico. «Desde a Axencia Turismo de Galicia estanse a tomar medidas para optimizar e intensificar a verificación e control sobre este tipo de establecementos turísticos», reiterou Merelles.
Engadiu que o obxectivo do plan presentado é «manter a calidade turística», controlar «o intrusismo» e ofrecer «axuda e asesoramento ao sector para mellorar a rendibilidade empresarial». «O éxito do turismo galego non é unha casualidade, senón que xorde dunha planificación ordenada da súa actividade», defendeu Merelles. Tamén subliñou que o número de inspectores aumentou en seis e que o labor se volveu «cada vez máis específica», cun enfoque máis formativo que coercitivo. Un aspecto que reprochou a socialista Lara Méndez, quen considerou que o plan de inspección «fía todo» á «boa vontade dos usuarios». «Hai que facer pedagoxía e asesoramento, pero iso non pode ser o único, pois hai que facer un control exhaustivo», reclamou a secretaria de organización do PSdeG, instando a un control «que detecte as anomalías para ter esa capacidade de corrixir».
O deputado do BNG Daniel Pérez cuestionou a eficacia do sistema e asegurou que «o intrusismo é un problema serio e necesita ser combatido doutro modo». Segundo os datos que achegou, no 2011 houbo 5.000 visitas máis que no 2024, e apuntou que o 86% dos aloxamentos en Galicia son pisos turísticos, un de cada tres explotados por empresas radicadas fóra da comunidade. «É necesario poñerlles límite dunha vez», reclamou, instando á Xunta a fixar un tope máximo de VUT.
Vivendas ilegais en Santiago
O popular Borja Verea, líder da oposición no Concello de Santiago, preguntou con retórica por que o goberno local da nacionalista Goretti Sanmartín non pechara as 600 vivendas turísticas ilegais que, segundo a alcaldesa, hai na capital galega. «Por que non están xa precintadas? Seguen sen responder. Esa é a importancia que lle dá á inspección e ao intrusismo», expuxo.
Ante esa proliferación das VUT ilegais que denuncia o Concello, Merelles asegurou que debe ser respectada a seguridade xurídica dos cidadáns e o procedemento administrativo. «As 694 vivendas de Santiago están no Rexistro de Actividades Turísticas, é a nosa obriga. Se o Concello nos comunica unha por unha cales son ilegais comunicarémosllo ao interesado, que poderá defenderse», abundou o responsable autonómico, que cuestionou proceder a dalas de baixa en bloque: «Esa xustiza estalinista (..) nun estado liberal, non pode funcionar».