
A foto que presenta Sondaxe a dous anos para as eleccións municipais ten un enorme valor, por medir a temperatura dos gobernos locais no ecuador do mandato, as luces e as sombras deste período. Permite extraer conclusións, pero equivocarase quen pense que a enquisa adianta a imaxe que veremos en maio do 2027. Algo si, pero dous anos son un océano de tempo en política; basta advertir o que sucedeu en Lugo, con dous cambios imprevistos na alcaldía que está por ver como impactan (se o fan) no electorado cando chegue o momento decisivo.
Hai condicionantes, internos e externos, que van determinar o resultado. Por exemplo, en Santiago e en Lugo, pasar de 25 a 27 concelleiros se se constata que ambas as cidades superan os 100.000 veciños. Ollo aos restos na repartición de escanos pola lei electoral.
Un segundo elemento, determinante, os candidatos. Na oposición hai prazas —especialmente para o PP— que se teñen que revisar con tacto se se aspira a tratar de dar un susto aos socialistas. Porque os votos non son só relevantes para tocar o poder; tamén os son para outro asento apetecible, o das deputacións.
E un terceiro punto: a tensión electoral nacional. Esa seguirá inflamada. E terá, seguro, influencia cara abaixo.