A receita para salvar o galego: políticas lingüísticas a longo prazo, medidas urxentes, orzamento e acordo social

GALICIA

Tres investigadores do Instituto da Lingua Galega valoran o estado da lingua, fuxindo do pesimismo e insistindo na urxencia de actuar: «Hai que aproveitar o potencial da intelixencia artificial xerativa, por vez primeira non hai fenda lingüística»
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«O futuro do galego é dramático se non se toman medidas, pero non é irreversible». Aínda que insiste en que non é pitoniso, o catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago Francisco Fernández Rei ten claro que, de non cambiar o rumbo das políticas lingüísticas, dos orzamentos que se dedican ao idioma e do consenso, os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan claramente o camiño que vai seguir a lingua. Comparte o diagnóstico a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, que di que a tendencia é negativa, pero corrixible: «En dez anos non vai acabar o galego. O importante é a busca de consenso e acordo social, con políticas con perspectiva que non sexan a curto prazo; iso é pouco tempo na historia dunha lingua. Tamén hai que acompañalas de medidas urxentes, que incidan de maneira directa na situación actual».
Eses serían algúns dos ingredientes da receita para salvar unha lingua que xa non é a máis utilizada na súa comunidade e que un de cada tres rapaces menores de 15 anos xa non saben falar. Dúas realidades que para a tamén investigadora do ILG e académica da Real Academia Galega María López Sández xustifican que esteamos ante unha emerxencia lingüística. «Gústame esa cualificación porque creo que reflicte a realidade dos datos que están aí obxectivamente presentados polo IGE e porque a propia palabra ten unha connotación de chamada á acción, no sentido de que se entende que se poden facer cousas», afirma. Situacións como esta, explica, cobran dimensión cando se ven con perspectiva diacrónica. Por exemplo, como o galego deixou de ser a lingua máis falada por riba do catalán e do vasco.
Por iso, urxe tomar unha serie de medidas: «Así, rapidamente, creo que necesitamos unha Televisión de Galicia verdadeiramente comprometida coa lingua e a cultura galegas. Habería que pensar en canles específicas para o público infantil e xuvenil». Pensa, por exemplo, no fenómeno do Xabarín Club e como iso deixou unha pegada en toda unha xeración de galegos. «Necesitamos contidos atractivos para as novas xeracións. Necesitamos ese compromiso dende as institucións», di a académica, porque de nada serve despois unha loita de horas na educación unha vez que os nenos xa estableceron como lingua de socialización entre iguais o castelán. «Aínda que pareza incrible, a día de hoxe a escola segue a funcionar como elemento castelanizador», critica, e comparte un caso da Fonsagrada, onde a única falante de castelán é unha nena de 4 anos que, no medio dunha contorna absolutamente galegofalante, sae da escola falando en castelán. «Este tipo de cousas non poden seguir pasando se realmente como colectivo e como sociedade queremos asumir con orgullo e con cariño o noso patrimonio lingüístico e preservar unha xeración máis. Xa non vou dicir mil primaveras», asegura López Sández sobre o problema de transmisión interxeracional.
Asinte Francisco Fernández Rei, que pon en valor un informe da Academia que sinala que a desgaleguización dos nenos galegofalantes comeza unha vez entran no sistema escolar: «A presión ambiental fai que nesa etapa moita rapazada de familias galegofalantes pase a falar castelán». Sae á palestra o «famoso decreto do plurilingüismo», que di que fracasou. «Evidentemente, o galego non se vai salvar só no ensino, pero se aí non hai moita esperanza... As cousas como son», comenta. Unha das medidas a poñer en marcha no eido educativo, propón López Sández, sería reforzar a formación inicial dos mestres en sociolingüística.
Os orzamentos son claves
Amais dunha política lingüística a longo prazo e de medidas urxentes, tan necesario é que vaian acompañadas dun orzamento. O catedrático emérito compara a Galicia con outras comunidades, como Cataluña, no xeito que teñen de apostar e traballar polo futuro da lingua propia. «Vexo os cataláns xogar na Champions League e a nós en nacional preferente, no mellor dos casos», lamenta, facendo referencia ao recente pacto polo catalán até o 2030 no que o Goberno autonómico vai investir só este ano 255 millóns de euros. «Necesitamos cartos, claro. Recursos que nos permitan contribuír a crear ese ecosistema onde se vaian desenvolvendo ferramentas para fomentar o galego», coincide Elisa Fernández Rei.
Precisamente, aí entran en xogo as novas tecnoloxías, e ollo a elas, advirten os tres investigadores do Instituto da Lingua Galega, porque por primeira vez aí non hai esa fenda lingüística que si que existía no internet clásico, comenta a académica. Fala da intelixencia artificial xerativa e dos contidos dispoñibles en galego: «Manexa perfectamente o galego. A primeira pregunta que lle fixen a ChatGPT foi se me entendía en galego. Hai que aproveitar ese potencial, eses avances no campo dixital establecen unha igualdade». É importante, xustifica, para que a rapazada poida interactuar en galego abríndose ao mundo.
Se os datos do IGE sobre o estado do galego teñen algún aspecto positivo é a súa presenza social. «Nos adolescentes é pequena, pero temos a pais e nais que están intentando educar os seus fillos en galego, que o falan e que non o deixan morrer», di a directora do instituto, que tamén menciona a presenza institucional da lingua, que «hoxe non se discute». López Sández non pode resaltar ningunha boa noticia da estatística: «Partimos hai trinta anos dun 80 % de galegofalantes e hoxe estamos nun 47 %. Procurar nese contexto unha boa noticia case me parece de mal gusto». Subliña a mellora acadada no seu prestixio. «Pero prestixio tamén ten o latín, e é unha lingua morta», afirma.
A dez anos vista, augura a académica que «imos estar na loita» e tamén fala de revitalización lingüística. «Penso que vai haber moito máis neofalantismo, xente que nunha decisión consciente elixa o galego», afirma, moi lonxe do pesimismo e do catastrofismo. «Confío na reacción da xente», comenta. Xente consciente de que lle furtaron a súa lingua de herdanza e que decide reparar esa inxustiza histórica facéndose neofalante.