
A igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu o acto solemne da firma que ratificaron os seus catro fundadores
12 abr 2025 . Actualizado a las 12:58 h.Nun día rosaliano, a primeira ocupante ilustre deste panteón, a igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu este sábado o acto de sinatura da constitución da fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Un día de botar a andar, de consenso e de lealdade, como ben lembraron os que firmaron esta acta baixo a atenta mirada notarial de Manuel Remuñán. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices e catro representantes máis da Cámara, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, foron os encargados de rubricar a creación desta entidade en representación das institucións que a xestionarán, Parlamento, Xunta, Concello de Santiago e Arquidiocese.
Tras escoitar a Rosa Peón interpretando Lela, o arcebispo lembrou que neste acto «exprésase o consenso unánime do pobo galego». Os restos de Rosalía de Castro foron os primeiros en ocupar este Panteón o 25 de maio de 1891, unha autora que «engrandeceu e ennobreceu sen pretendelo a igrexa de San Domingos». Como representante da Igrexa, Prieto amosou, «a mellor disposición neste empeño» e lembrou que a realidade do Panteón comeza agora unha nova andaina.
Rematou o arcebispo con versos de Rosalía e comezou a alcaldesa con eles, «non pode acabar o que é eterno nin pode ter fin a inmensidade», recitou. Deste xeito exemplificou Sanmartín o legado dos intelectuais cuxos restos descansan no Panteón, desde Castelao a Rosalía, pasando por Domingo Fontán ou Alfredo Brañas. «Chegamos tarde», dixo, pero co firme obxectivo de que este sexa so un chanzo e de que este lugar se converta «nun espazo de portas abertas». A rexedora comprometeuse a que desde a fundación se traballe en que o Panteón deixe de ser un lugar agochado e pechado e pase a ser un lugar construído cos mellores materiais, as obras e as ideas, un lugar que «nos convoca a amosar o noso orgullo como nación».

Pola súa banda, o presidente do Parlamento agradeceu a todas as persoas e entidades que traballaron a reo para que a fundación fose unha realidade na que, como diría Castelao, «trocamos os anceios en realidades e as ideas en feitos». Lembrouse Santalices dos profesores Carballo Calero, Remuñán Ferro, Puy Muñoz e Sixto Seco, autores «con responsabilidade histórica» do primeiro anteproxecto dos estatutos do Panteón, aprobado pola corporación municipal de 1984. Mereceron a pena os esforzos, insistiu, «e esperamos ser quen de estar á altura desta encomenda».
Pechou o acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen felicitou persoalmente ao presidente do Parlamento, «que sei que tiña un empeño especial», sendo consciente de que foron moitos os que traballaron para conseguir esta fundación. Rueda insistiu na lealdade que deu lugar á lei aprobada por unanimidade no ano 2023 para a xestión e protección do Panteón, «sigamos polo tanto por esta axenda de concordia», animou. A fundación, insistiu, ten que canalizar a responsabilidade que se lle encomenda, «e o camiño da cooperación e da lealdade institucional é o camiño que de seguro aplauden os nosos devanceiros», rematou o presidente da Xunta, felicitando a todos os que traballaron, «en atopar o que nos une por enriba das diferenzas».

O padroado da fundación que asumirá o Panteón está constituida polo Parlamento, a Xunta, o Concello compostelano e a Arquidiocese de Santiago. A presidencia correspóndelle ao titular da Cámara galega, e tamén a maior parte do financiamento, un 55 %, mentres que as outras tres institucións aportarán un 15 % cada unha. A cantidade de capital fundacional é de 30.000 euros.