As academias énchense de opositores coa nova oferta de emprego público

borja casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

Unha parte dos matriculados chegan aos centros sen saber que praza queren preparar

20 mares 2019 . Actualizado ás 07:46 h.

Coa nova oferta de emprego público da Xunta, as academias énchense de persoas que aspiran a lograr algunha das prazas que saen a concurso. Acompañando aos opositores que levan anos intentándoo, cada vez son máis os que se animan a probar sorte por primeira vez. En moitos casos, os estudantes matricúlanse nos centros sen saber a que se queren presentar. Segundo explica Alfonso Villares , do centro Nós Oposicións, «a sociedade percibe que hai unha gran oportunidade e quere intentalo, aínda que en moitos casos a xente chega sen saber a que quere opositar e temos que cumprir unha función de asesoramento». Neste sentido, destaca que «o ideal é o perfil de opositor que xa ten claro o que quere» e que habitualmente acaba os seus estudos e comeza a preparar a oposición.

O tipo de estudante depende moito da praza, xa que segundo afirma Yolanda Mosquera, de Academia Postal, «para oposicións de grupos como os de Xestión e Superior da Xunta, a maioría acábase de graduar e ten claro o seu obxectivo», mentres que «nas que requiren graos específicos, como Enxeñaría Técnica Forestal ou Enfermaría, tamén hai xente máis maior que ten experiencia e que nalgúns casos traballa en listas de contratación da Administración». Para outras prazas, Mosquera sinala que «en oposicións con requisitos de titulación de Bacharelato ou sen estudos, hai moitas persoas desempregadas ou traballando que buscan unha oportunidade que non ven na empresa privada».

Os centros planifican a preparación en función da praza á que se oposite e do alumno. «Para policía o adestramento físico é intensivo, as da Xunta son máis de tipo test e os de Educación preparan unha parte teórica e outra práctica, xa que lles pedimos que traballen cunha programación e unha unidade didáctica», indica o responsable de Nós. O número de clases varía en función do opositor e da academia, pero o habitual é un día á semana no que se consultan dúbidas e recíbese orientación. En caso de levar anos preparando a oposición, algúns centros tamén ofrecen a posibilidade de asistir a clases intensivas cada quince días, ou mesmo recibir a formación vía Internet. Ademais, periodicamente fanse exames de control para coñecer o progreso do alumnado. Todos estes factores inflúen no prezo, pero preparar unha oposición ten un custo de entre 2.500 e 3.000 euros.

Desde as academias recoméndase empezar a preparación canto antes, aínda que hai xente que, como explica Ana Leis, da academia Emprégache, «apúntase a tres meses dos exames pensando que por estar titulado xa ten capacidade», pero «isto é unha carreira de fondo e o ideal, como mínimo, é un ano de preparación». 

Despois de dez anos de escasa oferta pública, as academias comezan a percibir un aumento no número de matriculados, especialmente entre aqueles con experiencia laboral. A idade media do estudante sobe, e desde Emprégache describen un perfil de opositor de «entre 35 e 45 anos que vén da empresa privada e quere mellorar as súas condicións laborais buscando a tranquilidade que ofrece un emprego público».

As novas prazas nutrirán persoais limitados polas xubilacións e os recortes da crise

A nova oferta de emprego público da Xunta anunciou o pasado novembro un total de 5.686 prazas -3.636 para a Administración Xeral e sanidade e 2.050 de educación-, o que supón a maior convocatoria de traballo desde que Feijoo chegou ao poder no 2009. Para atopar unha cifra semellante hai que remontarse ao último ano do bipartito, cando se ofertaron 6.293 postos. Unha gran parte da oferta vai dirixida aos servizos xerais, servizos sociais, loita contra a fraude fiscal e asesoramento xurídico, en moitos casos para estabilizar o emprego temporal.

O obxectivo da Xunta é reducir a temporalidade ata o 7 %, unha cifra por baixo da media estatal, aspirando ao 5 % en sanidade. Nesta área -a de sanidade- haberá un gran número de prazas que servirán para reforzar persoal, sobre todo en atención primaria, unha demanda recorrente pola falta de médicos de familia e pediatras. Nas últimas semanas, abríronse os procesos de inscrición para algunhas destas prazas, como no caso do ensino. Os postos para educación serán, finalmente, un total de 2.064 -a cifra máis alta desde o 2007, cando se convocaron 3.125-, segundo anunciou a Consellería hai algúns días, e repartiranse en 36 especialidades. Nos anos de recortes, a oferta de traballo para lograr un posto no sistema educativo reduciuse ata as 740 prazas no 2009, e no 2012 nin se convocaron oposicións. Os exames serán o 22 de xuño e o prazo de inscrición, que xa está aberto, remata o 1 de abril. 

Anos sen oferta

Durante os anos da crise, a escasa contratación pública e os recortes afectaron en moitos persoais do servizo público, deixando sen cubrir moitas das xubilacións que se foron produciendotar. Algunhas prazas levaban máis dunha década sen ofertarse, como é o caso da oposición para empregado forestal, que non saía desde o 2006. Para este posto, a Xunta oferta 269 prazas no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, que se distribúen en tres categorías: bombeiro forestal (114), bombeiro-condutor de motobomba (80) e emisorista e vixiante (75). A titulación requirida é a de graduado en ESO ou equivalente, o exame constará de 80 preguntas tipo test e haberá probas físicas como camiñar 3.200 metros cargando 11 quilos ás costas en menos de media hora.