Gabri Palmás múdase á Lomba co cartel de novo home-gol do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MARTINA MISER

O dianteiro moañés ficha en Vilagarcía tras tres tempadas en Segunda RFEF

15 jul 2025 . Actualizado á 13:47 h.

Levaba a afección do Arousa agardando todo un mes polas fichaxes de relumbrón que deben acompañar a un equipo que, como o vilagarcián, aspira ao ascenso. E este martes, 35 días despois do anuncio do novo adestrador arlequinado, Gonza Fernández, o club presentou o primeiro reforzo chamado a marcar as diferenzas na próxima Liga de Terceira RFEF como o novo home-gol da Lomba: Gabri Palmás (Moaña, 08/12/1998).

Formado na canteira do Alondras e tras completar a súa etapa xuvenil cun último ano no Celta de División de Honra, o dianteiro centro do Morrazo foi cubrindo etapas no Alondras, o Choco e o Compostela na Terceira antes de celebrar con este último o seu primeiro título de Liga e o primeiro ascenso da súa carreira, á hoxe desaparecida Segunda División B. Tras vivir a experiencia na entón categoría de bronce do fútbol español, Gabri Palmás deu un paso atrás, retornando á Terceira para converterse a campaña seguinte, con tan só 22 anos, en peza decisiva no ascenso do Ourense C.F. á nova Segunda RFEF con 14 goles en 32 partidos. Dúas campañas nesta última categoría co conxunto da cidade das Burgas finalizaron cun segundo título de Liga e salto cara arriba, á Primeira RFEF. Unha categoría esta á que o novo futbolista arlequinado non quixo acompañar ao Ourense C.F. consciente do papel secundario que pasaría a ter, confesou na súa presentación na Lomba. De aí a súa decisión de voar fóra de Galicia por vez primeira a tempada pasada. Sen abandonar a Segunda RFEF, o seu destino foi o S.D Ejea de Zaragoza, co que concluíu sétimo do Grupo 2, aínda que con números inferiores aos que había promediado na súa carreira, con 3 goles en 1.787 minutos de xogo.

Gabri Palmás explicou así a súa decisión de fichar polo Arousa rexeitando ofertas para continuar na Segunda RFEF: «O club xa apostara por min o ano pasado e neste seguiu apostando por min. Aquí vou estar cómodo». Factores aos que se sumou a chegada de Gonza Fernández ao banco da Lomba, técnico que o dirixira con 19 anos no Choco, na tempada na que máis minutos acumula da súa carreira sénior e a única na que superou os 3.000 (3.112 para ser precisos), asinando oito goles: «Ter a Gonza tamén axudou a convencerme de fichar polo Arousa», declara Gabri Palmás.

Con 26 anos, o dianteiro centro moañés explica que a súa experiencia no Ejea fíxolle madurar. «Foi a miña primeira vez fóra de casa. Coideime máis no tema físico e da alimentación», di. Unha bagaxe que achegará ao novo proxecto do Arousa.

Consciente de que o obxectivo é pelexar o ascenso, Gabri Palmás sinala que, aínda sendo varios os factores que interveñen en poder coroar un salto de categoría, «o máis importante é a unión no vestiario e no club, porque durante a tempada haberá momentos bos, e momentos malos». Con todo, anima á afección arousista: «Que goce dun ano que creo vai ser bonito».

A primeira fichaxe estrela do Arousa 2025/26 cualifica de boa o persoal reunido ata o de agora polo director deportivo, Perú, e o adestrador arlequinado, e apunta ao Compostela como o a día de hoxe principal rival polo título e o ascenso directo a teor da calidade das fichaxes que está a pechar o club da capital.