Nuno Pico, cantante de Portosanto: «Mola a sensación de non ter case nada que esperar»

FUGAS

De esquerda a dereita: Simón Cuba, Nuno Pico, Xoel Xeada, Andrés Real e Anais Fernández
De esquerda a dereita: Simón Cuba, Nuno Pico, Xoel Xeada, Andrés Real e Anais Fernández Marta Albore?s

Adeus Oh! Ayatollah, ola Portosanto. Os cinco músicos retornan cun novo proxecto e novo disco pero semellantes principios e sonoridades

08 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

É posible que non exista ningún outro caso na historia da música dun grupo que se disolve para reaparecer anos despois exactamente cos mesmos músicos pero baixo outro nome. É o que acontece con Oh! Ayatollah, agora reconvertidos en Portosanto, denominación baixo a que veñen de publicar o seu disco de debut, Ten que haber un sitio para no?s. «Ese tiro no pé constante pola nosa banda é parte da graza. A nós encántanos esa narrativa de atormentados e de grupo de culto. E empezar de cero tamén era un reto que nos motivou a todos. Que non é de cero porque, obviamente, somos exactamente os mesmos e a xente sabe que somos exactamente os mesmos. Pero para nós, dáballe unha graza especial», relata Nuno Pico, quen agora compaxina Grande Amore co labor de vocalista en Portosanto.

—Sentía dalgunha maneira unha débeda cos seus compañeiros de Oh! Ayatollah?

—Non tanto débeda, como que o que había era ganas de seguir facendo algo nun rexistro máis melódico, de guitarras, influenciado por The Homens e por The Strokes. Iso é algo que eu sempre tiven aí e que me apetecía volver facer.

—É consciente de que as comparacións van ser inevitables.

—Si, claro. Pero tenme pasado de ir tocar con Grande Amore, achegárseme xente e dicirme: «Si, Grande Amore moi ben, pero o que molaba era Oh! Ayatollah». E desde que empezamos a tocar con Portosanto, hai dúas semanas, xa me pasou que tres persoas me dixeron: «Si, isto está moi ben, pero non pares con Grande Amore» [ri] As dúas posturas parécenme ben. Polo menos non che están dicindo que todo o que fas é terrible e que te fagas bibliotecario. Estanche dicindo que polo menos unha das cousas que fas, si que lles vale.

—Cales son as principais diferenzas de Portosanto respecto a Oh! Ayatollah?

—A principal é que o compositor das músicas pasou a ser Xoel [Xeada].

—E as letras?

—As letras son miñas. E escribilas era un dos grandes medos que eu tiña, porque, as letras de Grande Amore teñen unha personalidade moi propia. Entón, non quería que parecese que estou intentando copiarme a min mesmo, pero tampouco me podía poñer no punto de vista de como facía as cancións con Oh! Ayatollah, que, ao final, eran cancións de desamores xuvenís que escribía con 19 ou 20 anos, e loxicamente xa tampouco estou aí. Entón, pensaba: «De que falo nas letras?». Pero vaia, ao final aínda menos mal.

—Cre que axuda o feito de que vostede sexa a cabeza visible do proxecto o teme que poida dar lugar a equívocos?

—Ata certo punto si que axuda, porque haberá xente, sobre todo neste primeiro momento que se achegue a Portosanto por ser eu o de Grande Amore. Pero, por outro lado, creo que iso tamén pode xogar en contra do do proxecto, porque eu penso que convén achegarse ás cousas máis en branco, sen expectativas. Porque se o que atopan é moi parecido, malo, para que fas outro grupo? E se é distinto, ao mellor din: «Uf, pero que distinto, non esperaba algo así». Entón, non sei se á larga, o feito de que estea eu é unha vantaxe ou un lastre. Penso que metade-metade.

—Dende o punto de vista persoal, que lle achega Portosanto a Nuno Pico que non atopa en Grande Amore?

—Primeiro, permíteme darlle saída a unhas inquedanzas musicais que sempre me gustaron, pero que non teñen cabida en Grande Amore. E por outra parte, cada vez que quedamos para ensaiar ou que imos tocar con Portosanto, estou mantendo o vínculo e a amizade con xente que levan sendo meus amigos moitos anos. Xa o simple feito de poder facelo é motivo de celebración.

—¿Cústalle máis cantar estas cancións máis melódicas que as de Grande Amore?

—Moito máis. De feito, tiven que ensaiar moitísimo porque a min o que me sae de forma máis natural é berrar, que é o que fago en Grande Amore. O outro día, despois do concerto de Pontevedra veume falar unha persoa e díxome: «Se podes afinar e cantar así, por que non o fas tamén en Grande Amore?». Pero é que no podo. Con Portosanto estou o 95% de uso da CPU [ri]. De feito, noto que estou menos activo e enérxico no escenario porque estou moi concentrado. E aínda así, cústame.

—Como se sente volvendo case a empezar de cero?

—O que estamos facendo agora non é moi distinto do punto no que estabamos con Oh! Ayatollah. De feito, nesta primeira xira imos facer practicamente as mesmas salas nas que tocamos con Oh! Ayatollah. No meu caso persoal, mólame esta sensación de non ter case nada que esperar. Teño a Grande Amore como proxecto principal e xa hai anos que me veño dedicando á música. Sinto que xa non teño esas ansias que tiña de máis novo de ter que demostrarlle algo ao mundo. Eu xa cumprín algo que para min era un soño que é vivir da música. Entón, teño moita menos carga de expectativas. E tamén me gusta a sensación que os cinco temos compartida de que Portosanto nunca vai ser a principal fonte de ingresos de ningún de nós. Iso libérame de moita moita presión.

—Onde cre que está ese sitio para Portosanto do que falan no título do disco?

—Nunca fixemos o exercicio de pensar onde está o noso sitio na escena actual, porque para iso somos todos moi hippies e moi desastre. Eles incluso máis que eu. Ao seu lado eu agora síntome El lobo de Wall Street [ri]. A eles dálles igual as redes, os vídeos... Pero é que, claro, así era o rollo antes. Entón, máis que o debate sobre onde podemos encaixar impórtanos desfrutar de seguir xuntos, facendo cancións, ensaiando e tocando. Parécenos un milagre. Para nós foi unha sensación moi amarga ir deixando de tocar e de ter vida como grupo. Recuperar parte diso é xenial.

—«A beleza dos regresos con sabor a despedida», era o título dunha recente crónica dun concertó de Portosanto, que lle parce?

—Moi acertada.

—Portosanto é un proxecto con data de caducidade?

—Non, non. En principio non. Pero, a ver, coñecémosnos dende hai tantos anos que temos unha relación casi fraternal. E claro, fraternal son os Coen que son xeniais, pero tamén os Matamoros. Entón, non podemos prometer nada. Pero en principio nós faremos todo o posible para que non sexa algo finito.

—Compatibilizar vai a esixir un esforzo notable pola súa parte .

—Si, pero como foi algo buscado non ten sentido queixarse diso. Obviamente a miña prioridade a nivel vital é Grande Amore, pero o feito de poder ter as dúas bandas e que haxa sequera un mínimo atisbo de problema porque exista unha mínima demanda de concertos para ambos proxectos dis ti «bastante ben que se dea esa situación».