Rafa Leiras, cantante de O Caimán do Río Tea: «Non ten sentido falar de rock bravú no 2026»

FUGAS

Sombra Graphics

Referentes do rock galego nos 90 e creadores dun dos grandes himnos do Xabarín, regresan cun novo disco, «Vou a Portujal» que o sábado 9 presentan en directo na Festa da Sementeira

08 may 2026 . Actualizado a las 11:48 h.

No 94 sentaron as bases fundacionais do bravú e ese mesmo ano crearon un dos grandes himnos do Xabarín, Estou na lavadora. A partir de aí O Caimán do Río Tea tivo unha irregular traxectoria con longas tempadas de silencio. No 2024, cando moitos xa os daban por perdidos, reapareceron publicando Sandsbridge Lonely Hearts Club Band e neste 2026 veñen de reafirmar a súa vontade de seguir en activo con Vou a Portujal, dez lategazos de rock and roll que reflicten a xenuína esencia do Caimán.

 

—Por que seguen sacando discos?

—A culpa é das cancións. Dicía Bob Dylan que as cancións estaban no aire e que había que collelas. E unha vez que as colles, que fas? Quedas con elas e tócalas na casa ou cos amigos ou fas un exercicio un pouquiño voluntarista e dis: «Vou intentar xuntar a banda, intentar que ensaiemos, intentar gravalas e compartilas?». E despois, xa se á xente lle gustan, moito mellor.

—Teñen certas expectativas ou isto é un capricho que se conceden?

—Hai máis de capricho que de expectativas. De feito, non temos ningunha expectativa [ri]. O noso baixista di que cando eramos novos nunca queríamos tocar en Ponteareas [de onde son] e agora o único que queremos é tocar en Ponteareas. Iso pode determinar a nosa auténtica filosofía de expectativas. A estas alturas, a nosa única expectativa xa é divertirse.

—Como se senten no contexto actual da música galega?

—Eu valorei aos grupos que lles gustaban aos meus pais, non con 20 anos senón moito despois. E creo que en Galicia hai unha xeración de músicos novos que terán esa mesma sensación respecto a unha banda de xente que ten 50 anos. Ese sentimento de matar o pai. Pode que nós sexamos un pouco vítimas dese sentimento. E por outro lado, estamos un pouco desprazados, porque aínda sendo unha banda que defende moi ben o seu directo, non somos apetecibles no circuíto. Podemos ser unha referencia graciosa nun momento dado para escoitar pero non para contratar. É certo que despois tamén atopas sorpresas de xente que di que che segue e che vai a ver. Non sei canto durará pero iso fainos seguir adiante.

 

—Na súa nota de prensa falan de «rock bravú do século XXI». Ten sentido falar de bravú no 2026?

—Non debería telo porque non deixa de ser un revival sostido na uvi. Hai unha parte boa, que é o recoñecemento ao que facía aquela xente naquel tempo cos recursos que tiñan. Pero esa etiqueta dura tres segundos. Vale para centrar un pouco o tiro, pero non deberiamos estar falando rock bravú no 2026 senón de algo deste tempo coa súa propia etiqueta e a súa propia identidade.

—Como definiría este disco, entón?

—Estas cancións son un reflexo da nosa forma de tocar e de vivir. Son cancións sinxelas, de dous minutos e medio, cunha idea clara, fácil de comunicar, agradable á escoita e co sentido do humor moi presente.

—E musicalmente?

—É un disco moi orgánico. Gravámolo moi rápido e só houbo un par de ensaios previos coa banda completa, o cal é un pouco inédito. Pero buscabamos precisamente iso, un son moi estándar, sen comernos moito a cabeza coa produción. E penso que iso quedou perfectamente reflectido no resultado. Non é un disco que busque un determinado son, unha influencia, unha tendencia ou un estilo concreto. É unha banda tocando en directo e iso foi o que se gravou.

 

—Que botan de menos na escena actual respecto daqueles anos?

—Nada. Todo o que hai é mellor. Tes posibilidades de gravar, de editar, de tocar, de ter unha certa infraestrutura profesional de axencias que manexan ao artista... O único que podo botar de menos é ter 20 anos.

—«Estou na lavadora» » é un dos maiores éxitos da historia da música galega, pero non foi suficiente para soster a traxectoria da banda. Esa procura do «hit» xa desapareceu do seu ideario?

—Si, totalmente. Á parte de que nunca impos poder competir con Estou na lavadora. Esa canción superou á banda e supéranos a todos como intérpretes. Escapou de nós hai tempo. Xa non é nosa.

—The Rapants, Apolo18, Úlex, Portosanto... Están a rexurdir en Galicia os grupos de guitarras?

—Si, totalmente. E agardo e confío que tamén de punk, porque o punk abre un universo de expresión moi grande. Eu espero que nos próximos tempos aparezan moitas bandas novas de punk en galego e que os rapaces queiran non só tocar a guitarra senón rachar un pouco coa monotonía e co estándar co que vimos de atrás.

—Chama a atención que un selo como Ferror Records, atento sempre á vangarda e ao «underground», publique un disco dunha banda con 35 anos de traxectoria como O Caimán do Río Tea.

—Depende de como se mire. Agora mesmo, non pode haber un grupo máis underground que nós (ri). E no que se refire á vangarda, as modas son cíclicas e hoxe pode ser vangarda algo que xa se fixo nos 60 ou nos 70, así que tamén podemos entender como vangarda a O Caimán do Río Tea.

—Iván Ferreiro inicia estes días unha xira na que celebra os seus 35 anos de carreira. Creou Piratas no 1991, o mesmo ano no que naceu O Caimán do Río Tea.

—Si, de feito nós temos compartido escenario con Piratas varias veces. Pero xa ves, aí tes dúas liñas ben diferentes, unha de éxito e outra de absoluta ruptura. Pero mira, despois de 35 anos aí seguimos, como Buck Rogers volvendo do espazo. E volvemos, eu creo, coa mesma ilusión que pode ter Iván no seu proxecto.

—Este sábado presentan o disco A Sementeira, en Salvaterra do Miño, unha cita que din que é moi especial para O Caimán.

—Si, para nós A Sementeira do 2022 foi o momento da resurrección. Foron eles os que nos dixeron: «Porque non tocades se hai xente que quere que toquedes?». E a partir de aí é cando ganas un pouco de confianza e atréveste a facer música outra vez. Entón, para nós A Sementeira é un templo.