Mondra e Baiuca funden os seus universos en «Mazarocas»: «Ambos integramos no presente o legado da tradición»

FUGAS

Martín Mondragón (Mondra) y Alejandro Guillán (Baiuca)
Martín Mondragón (Mondra) y Alejandro Guillán (Baiuca) ROCÍO CIBES

Dúas figuras referenciais da música galega funden os seus universos nunha oda ao canto, ao baile e á colectividade

01 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A proposta de facer algo en conxunto xurdiu de Mondra. Baiuca aceptou de seguido. «Eu tiña unha maqueta cunha melodía tradicional que cantara en foliadas e coa que sempre quixen producir algo», conta Martín Mondragón (Teo, 2000). «A primeira sorpresa cando a recibín foi que esa melodía tamén estaba na miña carpeta de temas que nalgún momento me gustaría facer», replica Alejandro Guillán (Catoira, 1990). A conxunción estaba servida e o resultado é Mazarocas, unha sorte de himno para unha foliada futurista, unha oda ao baile colectivo e a aperta comunitaria de igual a igual.

—Cal era a idea central que querian transmitir con esta canción?

Mondra. A da reivindicación dos pobos que cantan e e bailan. Como esta melodía xa vén do compartir nas foliadas, do espazo público, do coller a pandeireta e cantar, a min xa me levou á idea de celebrar que as nosas prazas se enchan orgullosamente de xente collendo a pandeireta e botándose a bailar. Ese sentimento de compartir e socializar arredor das músicas que nos son propias é algo do que nos temos que sentir moi orgullosos. Polo tanto había que contar que nós facemos isto grazas a que herdamos ese legado e ese patrimonio musical e integrámolo, abrazámolo e respectámolo nos nosos proxectos.

Baiuca. Eu tamén lembro que cando estabamos traballando no tema xa nos viña á cabeza esa imaxe, a dunha praza con xente compartindo e formando parte do que se estaba tocando e cantando. E é que a letra xa che levaba a iso. Esa idea de «pandeiretas a tocar» xa estaba aí. Entón, todo nos levaba a ese punto festivo, de celebración e de compartir.

—Toda esa sensación festiva e de comunidade non só se reflicte senón que se amplifica no videoclip da canción.

Mondra. Si, aí tiñamos claro dende o primeiro momento que o conxunto das persoas que se xuntan para cantar, tocar e bailar eran o eixo do vídeo. E iso a nivel estético dábanos unhas posibilidades enormes, que Dani Rodríguez e a rapazada da escola Media Punta desenvolveron dun xeito marabilloso. Igual que o concepto da uniformidade, de que todas somos iguais. Non hai ninguén por enriba de ninguén nese encontro social.

—Álex, gustoume verlo bailar desatado.

Baiuca. (Ri) A ver, era o día. Eu non son moito de mostrar certos aspectos persoais, pero aquí si que era o momento para que a xente vira esoutra parte de min.

—A pandeireta é a protagonista de «Mazarocas». É o noso instrumento nacional?

Mondra. Absolutamente. Non hai discusión posible. A pandeireta presenta a realidade de moitísimas aldeas do país durante moito tempo e representa ese encontro social que fixo que estas músicas chegaran a nós. Ao gaiteiro, ao que eu valoro moito, había que pagarlle e implicaba outra figura a nivel de clase. O legado da pandeireta é o que nos mantén vivas a nivel musical

Baiuca. Eu creo que máis alá da pandeireta están as cancións. Que implican moito máis: unha transmisión oral, un coñecemento, o contacto entre persoas... Conceptos que se relacionan despois coa pandeireta, pero se non houbese unha pandeireta seguro que habería calquera outra cousa para poder facer e compartir música.

—Que puntos en común teñen os proxectos de Mondra e Baiuca?

Baiuca. Houbo moitas cousas que me gustaron de traballar con Martín, á parte de que me mostrara esa melodía que eu tamén tiña na cabeza. Por exemplo, a ubicación do vídeo nos túneles da Cidade da Cultura, que é un espazo que a min sempre me fascinou. Había un montón de detalles que todo o rato ían confluíndo.

Mondra. Os dous rendemos o mesmo respecto e a mesma homenaxe á música tradicional e a ese legado que ambos integramos cun relato presente, de non sentir a nosa música tradicional como se só fose doutro tempo.

—Canto lle debe Mondra a Baiuca?

Mondra. Nos momentos iniciais nos que eu me animei a facer cancións, Baiuca estaba entre as referencias que me dicían que igual era posible facer música dende ese lugar do que eu veño, o da música tradicional. Para min, a nivel sonoro e de produción electrónica, Baiuca é o mellor que temos no país. É un absoluto referente.

—E Álex, canto lle debe a música galega a Mondra?

Baiuca. Moito, e cada día vai ser máis. Cando un artista chega para facer algo novo, experimentar en conceptos que non se exploraron, achegar novas ideas e moverlle a cabeza ao público e aos outros artistas é cando se converte en referente. E nese sentido Mondra vai polo camiño idóneo.

—Martín, que canción de Baiuca lle gustaría ter feito?

Mondra. Uf!! Infinitas. Pero a que máis me impactou foi Navajitas. Cando a escoitei, dixen: «Oxalá eu tivera reparado nesta melodía». Paréceme un tema incrible.

—E Álex, que tema de Mondra escollería?

Baiuca. Hai pouco atopei un vídeo de Mercedes Peón cantando a melodía de Punheta! e é impresionante o que transmite. E pensei: «Encantaríame ter tido ocasión de darlle unha volta a isto e levalo ao meu terreo, pero mira, xa o fixo antes Mondra».

Mondra. É bonito porque ao final traballamos co mesmo mesmo universo pero dende perspectivas diferentes. E iso, enriquéceo.

—Os dous teñen outra cousa en común, que publicaron un álbum de remesturas dun disco seu. Que importancia ten esa revisión das cancións propias por parte doutros e ese achegamento a outros territorios, como pode ser a pista de baile?

Baiuca. Para min é superimportante. Eu nun primeiro momento tamén me dediquei a facer remixes, aínda que despois decidín centrarme nas miñas producións. Pero para min, poder entender a miña música na visión doutros produtores é algo que cada vez o vexo máis importante e que ademais me da a oportunidade de, cando vou facer sesións como DJ, ter máis música miña destinada ao club. De feito, gustaríame nun futuro revisitar algúns temas meus que aínda non están remesturados.

Mondra. Facer remixes de De ronda non ten moito sentido porque non é un disco de baile. Pero xusto antes de sacar ese traballo eu estaba coñecendo a escena de xente moi nova e moi talentosa do underground e da electrónica galega e pareceume que un disco de remesturas podía ser unha moi boa despedida para Ardén, que tanto me deu. Eu son moi fan da electrónica, dos remixes e da idea de compartir sempre a música.

—Como ven a escena contemporánea galega, da que son piares fundamentais?

Baiuca. Sempre houbo moitísima música en Galicia, pero durante moito tempo as músicas que estaban soando no resto do mundo non estaban representadas nos grupos de aquí. Iso era una anomalía que por sorte xa non acontece. Creo que é a principal diferenza con respecto ao que está a pasar agora. Por exemplo, vemos que o que o está petando na actualidade é o urbano e en Galicia temos unha escena urbana moi potente. A min paréceme superpositivo que iso pase e que pase con xente supernova.

Mondra. Que o panorama musical sexa diverso normaliza a nosa escena e sitúaa no mapa. Eu sei que en Madrid hai un ollo posto no que está pasando en Galicia e iso retribúenos moito. E pasa o mesmo coa lingua. Que exista música en galego en todos os estilos é normalizador nun momento no que, paradoxalmente, a nosa lingua non está no seu mellor período.

Baiuca. Si, é curioso iso que di Martín, que a nosa lingua estea nun dos seus peores momentos pero que cada vez a música en galego teña máis protagonismo e chegue a cotas máis altas que nunca. Creo que iso é significativamente reivindicativo.