Na semana máis importante para a historia do cine galego, o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización analiza o «efecto Laxe» e fai balance do conseguido e dos retos e necesidades que o sector aínda ten por diante
20 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Para Pablo Fontenla (Vigo, 1979), que hai seis meses se fixo cargo da presidencia da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), o audiovisual galego está «no mellor momento da súa historia». E non só por acadar o fito de ter dúas candidaturas ao Óscar senón polo recoñecemento xeral das súas producións, dos seus creadores e dos seus técnicos.
—Cal sería a radiografía da situación actual do sector do audiovisual galego?
—Estamos nun momento hiperflorecente. E iso débese en parte ao traballo de asociacións como CREA. Chegamos a un nivel de calidade altísimo en canto a talento, tanto a nivel de proxectos como de técnicos. Temos algúns dos mellores talentos de cine de autor, produtoras que crean películas e series que son referencia a nivel europeo e técnicos que son os mellor valorados do audiovisual nacional. Por algo será. Tivemos no seu momento unha escola moi potente, que foron todas aquelas series que se fixeron con Televisión de Galicia a finais dos 90. A principios dos 2000 empezamos a despegar e a constituírnos como un foco de creación cunha voz propia. E chegamos ao momento actual, coa consolidación das grandes produtoras a nivel nacional, con películas e series que son referentes.
—Cales diría que son os sinais de identidade do actual audiovisual galego?
—Estamos no noroeste do territorio europeo e iso fai que teñamos un cinema cunha voz propia pola nosa forma de ver as cousas dende este certo illamento.
—Que Oliver Laxe volvese sen o premio Óscar foi un pau para o cine galego?
—Para nada. Foi un recoñecemento absoluto do talento innegable do cine galego. Chegar aos Óscar é o máximo ao que o cine galego —dende a súa película fundacional, Sempre Xonxa, no 87— chegou nunca. E estou convencido de que Sirât non será a última produción galega que chegue aos Óscar. Aínda así, estes premios non son a meta, hai que chegar máis alá. O cine galego ten voz tan propia que pode, e debe, chegar a ser recoñecido a nivel mundial.
—En que se vai notar, ou se cadra xa se nota, o «efecto Laxe»?
—No só é o efecto Laxe. Xa dende que se acuñou o termo «cinema galego», hai case 20 anos, hai unha mirada moi especial no que se fai dende Galicia. Tamén están os efectos Jorge Coira, Álvaro Gago, Jaione Camborda, Carlos Sedes, Alberto Vázquez, Anxos Fazáns e tantos e tantas outras... O que Oliver Laxe puxo sobre a mesa é que podemos facer cine de autor que pode chegar ás carteleiras. É dicir, que esa maridaxe entre cine de autor e cine comercial, que sempre é moi complicada, pode chegar a facerse realidade e pode vir desta parte do territorio.
—Cales son os principais retos que ten por diante o sector?
—O reto máis inmediato de CREA é constituírnos nunha asociación sindical, como xa teñen os actores e actrices ou os guionistas. Iso vainos permitir negociar por fin un convenio colectivo, como o que xa ten, por exemplo, Cataluña. Ese é un dos fitos que eu quero acadar co tempo.
—Cales son as principais fortalezas do noso audiovisual?
—Estamos nunha etapa de profesionalización completa e de visibilidade a nivel europeo. E tamén temos un I+D potente. Eu creo que o futuro vai pasar aínda máis pola internacionalización e imos seguir sendo un polo de atracción de moitas producións, porque temos uns técnicos de primeira e uns departamentos de guións e creadores moi recoñecidos e valorados.
—E cales son as súas grandes carencias?
—Fai falta un investimento maior en axudas para audiovisual por parte da Xunta e máis liñas específicas para Galicia por parte do ICAA. Para poder desenvolver proxectos, precisamos máis orzamento por parte dos organismos, que aínda teñen que entender que para Galicia o audiovisual é unha baza estratéxica. Por cada euro investido nel devólvense tres e medio, se se roda no territorio. E xa non che digo nada do que supón para a propia marca Galicia. E a maiores, fai falta tamén un maior irmandamento entre as organizacións sectoriais para poder levar a cabo proxectos máis grandes de dinamización futura do audiovisual. Estou falando, por exemplo, da creación dunha federación de asociacións estruturada como tal.
—Corremos o risco de converternos só nun fantástico plató?
—É indubidable que Galicia ten unhas condicións privilexiadas a nivel de natureza e entorno. É un plato aberto moi atractivo e por iso moitas producións veñen aquí. Pero non só somos iso. Xa facemos produtos, tanto rodados aquí como fóra, que están chegando a cotas altísimas como para que o ser un excepcional plató non sexa só a única saída que ten o audiovisual galego.
—O audiovisual é a día de hoxe unha boa saída profesional para os rapaces que se están formando nese eido?
—O primeiro que que teñen que ter en conta os rapaces que se queren formar no audiovisual é que esa visión de traballo estable nunha empresa na que vas estar dende que saes da carreira ata que te xubilas, no audiovisual non existe, salvo que traballes na CRTVG. O audiovisual é inherente ao cambio. O 90% dos asociados de CREA son autónomos. Entón, o audiovisual actual dá para comer? O audiovisual galego está en plena expansión. Pero tamén hai que ter en conta que se temos catro ou cinco escolas sacando promocións anualmente, é difícil que toda esa xente poida ter cabida. Pero iso pasa con todas as carreiras. Ao final hai un proceso de selección natural no que se queda a xente que máis talento ten.
—Precisamos creadores, pero tamén produtores. Cal é o balance perfecto para equilibrar talento e financiamento?
—O talento é a parte fundamental e necesaria para facer unha produción. Pero o talento non serve de nada sen capital económico. Hai moitos proxectos que quedan no tinteiro porque non conseguen financiamento.
—En Galicia estamos mellor dotados de talento ou de capital?
—De talento, claramente. O nivel de investimento no audiovisual en Galicia non está aínda á altura do que xera.
—Como lle gustaría que fose recordada a etapa Fontenla en CREA?
—Na a actual directiva de CREA non só hai unha diversidade de perfiles grande ?hai cine, televisión, publicidade, novos medios...? senón que tamén hai un equilibrio entre xeracións. Como espero que sexa recordada? Pois cun enfoque estratéxico na promoción do audiovisual galego e a consecución dun convenio colectivo para os profesionais galegos. Sería unha ferramenta fundamental para a defensa do audiovisual galego e dos dereitos dos seus creadores por enriba de todo.