Os 11 discos galegos do 2025

FUGAS

Algúns dos discos elixidos entre os mellores do ano por un xurado de once xornalistas musicais e creadores de contido vinculados coa música galega.
Algúns dos discos elixidos entre os mellores do ano por un xurado de once xornalistas musicais e creadores de contido vinculados coa música galega.

«Feira», de De Ninghures, foi elexido o mellor álbum galego do ano por un xurado formado por once xornalistas musicais e creadores de contido

26 dic 2025 . Actualizado a las 13:50 h.

Aínda sendo un ano que non contou co lanzamento de álbumes dalgúns pesos pesados da escena musical galega (Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra...), a colleita deste 2025 ben pode ser cualificada como «excelente». E diversa. O cal é un reflexo do dinamismo e da enorme creatividade da que estamos a gozar. Aí temos, para corroboralo, dende propostas nas que o tradicional conecta coa contemporaneidade como as de De Ninghures, Mondra ou Faia; nas que o pop arrabuña ao folklore, como as de Carlos Ares ou Zavala; arrebatos de rock evolucionado como os de Grande Amore; introspeccións de corte intimista entre o pop e a sutil electrónica, como as de Sen Senra ou Guadi Galego; representacións do emerxente son urbano, como Ünder & Diego Flaneur e XMaseda65; e escintileos de pop electrónico conectado co presente, como os de Sabela.

Algúns dos once discos galegos do 2025, elixidos por once xornalistas e creadores de contido musicais.
Algúns dos once discos galegos do 2025, elixidos por once xornalistas e creadores de contido musicais.

Esta lista de discos do ano configurouse a partir dos votos de once xornalistas musicais e creadores de contido vinculados coa música galega.

 «FEIRA». DE NINGHURES

Non falta quen aínda pensa que este é o primeiro disco de De Ninghures. Nada máis lonxe da realidade. A banda formouse no 2019 e dende o primeiro momento xa chamaron a atención dos círculos máis achegados ao tradi. Que pasou entón para que no 2025 deran este salto e conquistasen ao gran público? Primeiro, a confianza que gañaron tanto a nivel compositivo como no escenario, algo que queda reflecitido nos seus vibrantes concertos. E segundo, que se toparon co produtor Juan de Dios, quen soubo dar ao son do septeto unha pátina de elegante modernidade. En Feira, De Ninghures afunden as súas raíces nos ritmos tradicionais para a partir deses cimentos levantar unha arquitectura sonora fascinante articulada sobre estruturas e ornamentos claramente pop.

LA BOCA DEL LOBO. CARLOS ARES

Co seu primeiro disco, Peregino, premio MIN ao mellor álbum español do pop do 2024, Carlos Ares (A Coruña, 1997) voou cabezas e rompeu esquemas. Quedaba pendente a sempre complicada ratificación do segundo disco. E este ano chegou o descomunal La boca del lobo, cun son a cabalo entre a canción de autor alternativa e o indie folk, para acreditar que estamos ante un artista único e excepcional. Ante unha persoa cunha sensibilidade extrema e unhas capacidades creativas que contraveñen toda norma e resultan alleas a calquera tópico.

«III». GRANDE AMORE

Tras o felizmente acontecido cos seus dous primeiros discos, o fácil para Grande Amore sería compracer. Pero a compracencia é algo que non vai con Nuno Pico —nin sequera con el mesmo—. Este terceiro disco é a mellor proba. Un álbum escuro, denso —deses que se mascan—, ruidoso, áspero, acedo, sobrecargado en distorsións e tamén en emocións. Un disco deses que oprimen no peito, que sobrecollen e, ao tempo, excitan. Cunhas letras que son dor e son trauma pero tamén son amor e humor. A xogada era valente e a aposta arriscada pero Grande Amore saíu máis que airoso dela. Boa proba é a presenza deste «III» en moitas das listas dos mellores discos españois do ano.

«DE RONDA». MONDRA

Iso do segundo disco do que falabamos no caso de Carlos Ares tamén podería aplicarse no caso de Mondra. E o resultado é igual de positivo. En De ronda, Mondra fixo un sobresaínte exercicio de ousadía. Coa inestimable achega de Hevi na produción, Mondra quebrou a súa folla de ruta natural, a que determinara en Ardén, para virar cara un son máis orgánico e máis apegado á tradición, entendida en clave de vibrante contemporaneidade. Aos seus 25 anos, Mondra sácanos de ronda para bailar e reflexionar en torno á sexualidade, ao amor propio, aos coidados e ao valor da mocidade. Esa que ten nel un valioso e excitante referente.

«PÉLAGO. CONTOS ONÍRICOS». GUADI GALEGO

Ao igual que no caso de Grande Amore, o da negación da (auto)compracencia tamén é algo consubstancial á traxectoria musical de Guadi Galego. Pero posiblemente nunca a levou ata o extremo do que obrou en Pélago. Contos Oníricos. Un disco que sentía que lle quedaba por facer. Un disco íntimo, profundo, sereno, enleado en soños. Un disco a contracorrente, dos que precisan dunha escoita sosegada e activa. Un disco orgánico (piano e voz) e ao mesmo tempo cheo de atmosferas evocadoras e de suxestivas texturas electrónicas. Nove cancións sen retrousos que dan moito máis do que piden. Que te acariñan e te levan da man a lugares segredos, moi preto do mar, que so habitan no soños das valentes.

«ALVELA». FAIA

A maternidade e o cancioneiro tradicional máis vinculado ao ámbito da intimidade e do fogar son os piares sobre os que se sustenta Alvela. Con igual dose de crueza e de sentimento, de rabia e de amor, Faia afástase da idealización da experiencia da maternidade para falar tamén da memoria do corpo e as violencias que o atravesan e para reivindicar o máis íntimo, o desexo e o pracer. E faino revisitando arrolos, romances e cantigas tradicionais rescatados de arquivos sonoros. Un corpo melódico que Faia deconstrúe en dez cortes cun poder inmersivo absoluto e unha fascinante capacidade de magnetismo.

«PO2054AZ Vol. III». SEN SENRA

O músico de Forcarei culminou a súa triloxía co disco máis ambicioso e complexo que entregou ata o momento. Unha xoia do pop contemporáneo. Reflexivo pero tamén desfrutón. Unha viaxe ás súas raíces non exento de morriña e, ao tempo, toda unha declaración de poderío musical e persoal. Un Sen Senra máis maduro que nunca, quizá porque recuperou ao neno que foi. Tamén recuperou a guitarra. E esas evocadoras atmosferas adornadas de pop que el sabe crear como ninguén.

«EL ÚLTIMO CHANCE». ÜNDER & DIEGO FLANEUR

Estes dous rapaces lucenses de 24 anos veñen de facer un dos discos máis excitantes da nova escena urbana galega. Claro que circunscribilos só a ese ámbito é quedarse inxustamente curto. Porque si, en El último chance hai achegamentos ao trap e a sons urbanos contemporáneos, pero tamén hai bailables ritmos latinos, hai electrónica, hai pop luminoso e ata hai referencias ao son disco. E, como non, Ünder & Diego Flaneur comparten un sinal de identidade desta xeración: unhas letras de corte moi intimista (e tamén moi costumista), moi apegadas ao cotián, pero que no seu caso entregan revestidas de sonoridades frescas, alegres e mesmo bailables.

«PONTES». XMASEDA65

Pontes é o relato en oito capítulos, sonorizados en clave de hip hop e sutil electrónica, das ansias de Xosé Maseda (Viveiro, 2022), do seu crecemento persoal, dos seus soños e da súa ambición musical. Da súa traxectoria e do seu desexo de triunfar ou morrer no intento. Un disco no que teñen cabida os rapeados de vella escola, o trap e o boombap pero tamén os beats máis melódicos, case achegados ao pop. Unha riqueza e variedade musical que ven determinada en boa medida pola presenza de produtores como Peter Petrowski, Sky J, Rodro ou July e colaboracións como as de Kid Mount ou Willow GHZ.

«PEQUENO MANUAL PARA GRANDES CAMBIOS II». ZAVALA

Non é común atopar un grupo que se presente con tal variedade de rexistros musicais, con tan certeira harmonía entre o orgánico e o dixital, cun imaxinario conceptual tan rotundo e cunha folla de ruta tan planificada como Zavala. Na segunda entrega de Pequeno manual para grandes cambios (teoría e práctica), publicada por Ferror Records, conviven o tribalismo vocal das cantareiras coa electrónica máis voluptuosa, sen perder ese ton de pop épico e sofisticado que envolve as cancións de Zavala.

«BRÍLLANCHE OS OLLIÑOS». SABELA

«Ás veces, sinto que non me escoitan porque saín de OT e paréceme ridículo», confesaba Sabela nunha recente entrevista en La Voz. Bríllanche os olliños é a mellor terapia para liberarse dese absurdo prexuízo. Sabela aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, desde o máis cotián ao popular a través das lendas, os oficios ou figuras como Maruja Mallo. Seis temas de pop electrónico que transitan dende o máis bailable ao ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas.

  •  No proceso de votación desta selección de discos do 2025 participaron: Javier Becerra (xornalista), Carlos Crespo (xornalista), Pepe Cunha (Ábrete de Orellas), Marta Gómez (xornalista), Tito Lesende (xornalista), Rodri Míguez (creador de contido), Santi Montes (xornalista), Daniel Pose (O Rincón de Daniel), Prado Rúa (creadora de contido), Noel Turbulencias (divulgador musical), Diego Vieito (Capitán Sabrosura).