
O décimo terceiro aniversario celébrase este venres con voos cativos en globo aerostático, teatro, xogos inchables, un espectáculo pirotécnico e o concerto da Banda dá Loba
08 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Lago dAs Pontes está de aniversario. O 20 de agosto do 2012 inaugurouse esta enorme masa de auga, o maior lago artificial de Europa, que ocupa unhas 225 hectáreas de terreo, no que fora a explotación mineira ao descuberto máis grande de España. «É un símbolo de recuperación ambiental e do compromiso coa sostibilidade», subliña o departamento de Cultura do Concello pontés, promotor da festa de aniversario. As Pontes vive este venres unha nova edición de Mar de Lecer, un evento cultural e lúdico para conmemorar a apertura do lago. A mina pechouse no 2007 e ao ano seguinte comezou a encherse o inmenso oco que deixara, con augas do río Eume e das escorrentías. En catro anos xa se completou a inundación deste espazo de 18 quilómetros de perímetro, cinco de longo e preto de dous e medio de ancho, e unha profundidade máxima de 206 metros. A vella mina, da que se extraeron 261 toneladas de lignito, deu paso a unha área de lecer e deporte que transformou a contorna e a vida da xente.

O décimo terceiro aniversario será de altura, máis que nunca, cos voos cativos en globo aerostático, impulsados polo Concello a través da empresa local Nortegal Experiencias. Antonio Veiras García, da firma Iniciativas Turísticas, Natureza e Tempo Libre, será o encargado de elevar aos ceos aos ponteses máis afortunados. O Concello sorteou dez voos entre os clientes do mercado municipal e reserva un par de ascensos para quen acuda hoxe á festa de aniversario. O piloto explica en que consiste esta aventura aeronáutica: «O globo fai un ascenso que pode chegar ata os dez metros, e logo descende, pero sen moverse do lugar, literalmente, atado cunhas cordas». Que vantaxes ofrece? «En menos tempo ca un voo normal sobe máis xente, que percibe a sensación de que flota no aire e ve como se quenta o globo», responde. En cada voo poderán ir entre un e tres pasaxeiros, en función do peso, aínda que o maior condicionante «é o tempo, inflúen tanto a temperatura coma o vento, e o lago, estes días, podería ser beneficioso, porque arrefría o perímetro».

A lume de biqueira co «lovismo»
Os temas de Lovismo, o último disco da Banda dá Loba, soarán ao pé do lago desde as nove e media da tarde. A Banda dá Loba será o prato forte musical deste Mar de Lecer. Xiana Lastra, voz do grupo, naceu en Ferrol, pero a súa nai, pontesa, empeñouse en inscribila nAs Pontes. Aínda que creceu na cidade naval, sempre estivo ligada á vila mineira, por familia e amizades. «Sempre nos acolleron moi ben, é un sitio que aposta por nós en cada novo disco, sentímonos moi queridas», agradece. Será o seu debut na lago. «Temos tocado no auditorio Cine Alovi e na Feira do Grelo, e temos moitas gañas de tocar no lago, vai ser un espazo moi guai para o lovismo, porque é moi bucólico, e Lovismo fala de amor desde puntos de vista moi reivindicativos, pero, pola mensaxe e o propio repertorio, de música moi diversa, préstase o lago», apunta Lastra, entusiasmada co concerto. «Mar de Lecer é un día para pasar no lago e estar en familia, e nós somos un grupo que cadra con ese perfil, podemos gustar a avós, pais e nenos», engade.
O espectáculo GHOP, da compaña Teatro ao Cubo, abrirá a festa do décimo terceiro aniversario do Lago dAs Pontes, ás seis da tarde. Ofrece un espectáculo de variedades que mestura clown con acrobacias, maxia, malabares, monicreques, humor e moita enerxía.
Ás oito, Trapu Zaharra Teatro Trapero presentará Dálle Ramón, «unha proposta chea de humor, retranca e crítica social, que presenta un mundo posapocalíptico onde unha firma comercial lanza ao mercado búnkeres de luxo como solución ao gran colapso». A temática promete e compleméntase cun concurso en directo, sobre unha pista portátil. Despois, ás nove e media, chegará a nova viaxe musical que propón A Banda dá Loba.
Espectáculo multicolor
Durante esta singular celebración de aniversario, os máis pequenos poderán gozar dos xogos inchables (gratuítos) que tiveron que suspenderse durante as Festas do Carme, no mes de xullo, debido á choiva. E todo o público gozará do espectáculo pirotécnico programado para as once da noite, «o gran protagonista da xornada», segundo destaca a organización. Despois de pintar o ceo de cores, sobre as once e cuarto da noite comezará a función do novísimo e talentoso disyóquey Álex Romero, «unha das voces musicais locais con máis presenza nos eventos da comarca, que leva a música a distintos espazos tanto da vila coma de lugares próximos, con sesións en inauguracións, pubs, clubs e festas populares», destaca Lorena Tenreiro, a concelleira de Cultura.
Álex Romero marcará o ritmo do fin de festa dunha xornada coa que o Concello pretende «celebrar o valor ecolóxico, paisaxístico e social do lago, convertido xa nun espazo emblemático para a vila». Invitan a veciños e visitantes a participar nesta festa de aniversario, que combina «natureza, cultura e diversión», e na que colabora a Deputación da Coruña. A Banda dá Loba tamén anima a sumarse a este evento, ao que acoden con moito amor, como o seu último álbum, a rebordar de «amor propio, romántico, maternal, pola terra e pola lingua».