
Galician Army vén de publicar o seu primeiro disco de composición propia, «Valuria», no que se move entre o onírico, o distópico e o desenfreo da pista de baile. Esta fin de semana actúan no festival PortAmerica
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non anda Galicia sobrada de referentes na música electrónica. De aí que fose tan ben recibida a chegada do dúo formado por Alberto Prado e Sergio Vallejo. Dous anos despois daquel disco de notables remesturas e xa con centos de sets ás súas costas, Galician Army veñen de publicar Valuria, un soberbio disco conceptual en torno a un imaxinario propio, que no musical mestura os beats profundos da electrónica de baile coa épica do pop sinfónico e no que contan coas voces de Iván Ferreiro, Fillas de Cassandra, Marilia Monzón e Jordana B. Galician Army serán os encargados de pechar o sábado o festival PortAmerica.
—Dicides que este disco conta unha historia. Cale é?
Sergio. A historia naceu hai catro anos cando nos puxemos a crear un universo distópico inspirado nas películas de ciencia ficción dos oitenta, tipo Blade Runner. Daquela ía ser un disco case todo instrumental pero despois gustounos a idea de que a historia estivese contada por diferentes voces.
—Que é «Valuria»?
Sergio. Valuria vén da tribo dos baluros, que habitou na Terra Chá. Pareceunos interesante conectar a nosa orixe e a nosa identidade cos nosos referentes visuais.
—A folla de promoción di que este é o voso primeiro álbum. Considerádelo así?
Alberto. A verdade é que si. Nós foi como unha carta de presentación, pero este é o primeiro no que a música, as letras, o concepto e ata a imaxe está composta integramente por nós. Valuria é unha extensión de Galician Army. É o noso universo.
Sergio. Nós foi un disco necesario.. Tal e como visualizabamos a nosa carreira penso que foi un acerto facer primeiro un proxecto de remixes e explorar a nosa identidade e o noso son.
—Daquela xa falabades de referentes tipo Vangelis, Mike Oldfield, Hans Zimmer... Neste disco vense moito máis claros.
Alberto. É que eu estou facendo a comida e estou escoitando bandas sonoras. Flípanme. Nós gozamos moitísimo compoñendo os interludios deste disco. Pero ao tempo somos artistas de directo. Vimos de aí.
—Non é común atopar proxectos de electrónica que teñan ese punto de intensidade épica que ten este disco.
Sergio. O primeiro que nós buscamos é que a música nos emocione. Se o conseguimos, pode que alguén comparta tamén esa emoción. E, despois, intentamos combinar a música máis de baile con esoutra máis cinemática ou máis épica, como ti dis.
—En maio do 2023, diciádesnos que máis ca un estilo buscabades un aura.
Alberto. Tal cal. E penso que con Valuria conseguímola. Como me dixo un amigo, o disco é como unha viaxe ao pasado e ao futuro ao mesmo tempo. Se alguén o entende así, xa dou esa aura por conseguida.
—Na maioría dos discos de electrónica o que prima é a produción, pero dá a sensación de que neste hai un traballo orgánico de composición moi importante.
Sergio. A maioría das cancións compoñémolas cun piano e cando xa vemos que nos gusta e que reflicte as emocións que queremos transmitir, construímos a partir de aí. Si, dámoslle moitas voltas á parte de composición antes de levar a canción ao estudo para producila.
—Como vos dividides o traballo?
Alberto. Nós vivimos en cidades distintas e estabamos acostumados a traballar de xeito individual, cada un no seu espazo e cos seus tempos. Sergio soe encargarse máis da parte compositiva, despois a produción facémola entre os dous e eu encárgome máis da mestura. Eu agardo que o vindeiro disco xa podamos facelo todo xuntos porque cando nos xuntamos e improvisamos sáennos cousas que molan.
Sergio. Si, esa parte de improvisar xuntos é algo que nos queda por explorar e eu tamén estou seguro de que de aí poden saír cousas interesantes.
—As colaboracións do disco foron saíndo ou fostes vós buscalas?
Sergio. Solicitámolas nós pero saíron dunha forma moi natural. Os temas de Jordana B, de Fillas e de Marilia xa os visualizamos dende o primeiro momento con elas.
—Hai que ser valentes para propoñerlle a Iván Ferreiro cantar con «autotune».
Sergio. [Ri] A de Iván foi a primeira que propuxemos. Comentámosllo por Instagram e xa nos dixo que o que quixésemos. Tivo unha confianza cega en nós.
Alberto. Con Iván dende o primeiro momento foi «si a todo». Nunca había problemas, estaba disposto a todo, invitounos a ir á súa casa, gravamos alí... E cando lle dixemos que queriamos tratar a súa voz, díxonos: «O que vós queirades».
—Que cambiou en vós nestes dous anos?
Alberto. Moitas cousas. Ten en conta que estamos nunhas idades claves en canto a madurez. Sergio ten 28 anos e eu 31. Son anos nos que che cambia bastante a mentalidade. Iso axudounos a respectarnos entre nós, a pesar de que temos dúas personalidades moi distintas e creo que iso foi tamén moi importante a nivel profesional.
Sergio. Levamos case dez anos xuntos neste proxecto. Cando empezamos, eu tiña 18 anos. Entón, claro que cambiaron moitas cousas nas nosas vidas. Pasamos de entender a música como un hobby a como un traballo, e tivemos que compaxinalo coas ambicións profesionais ou coa incerteza de non saber cara onde ía o proxecto. Creo que seguir aquí a día de hoxe ten que ver precisamente co feito de madurar xuntos.
—Dicides que a vosa é «electrónica con alma galega». En que se nota esa alma?
Alberto. De entrada, o proxecto xa leva a palabra Galicia no nome e nos nosos discos sempre vai haber música en galego e artistas galegos. Para nós é algo conceptual, é levar a Galicia dentro da alma do propio disco e trasladar ás cancións esa aura que se respira nun bosque ou na natureza galega.
—Como son os novo directos?
Sergio. Intentamos que sexan tamén como unha viaxe, que vaian in crescendo. Faremos reinterpretacións da nosa música, remixes dos remixes, moitos guiños a cancións que nos molan... Vai ser como un megamix de moitas cousas que nos gustan pero feito con coherencia e co noso selo.
—Seguides levando teclados ademais do set de Dj?
Alberto. Incluso levamos máis teclados que antes e tocámolos en practicamente en todos os temas. .