
Son, afortunadamente, variadas as propostas que se ofrecen para achegarnos ao mundo do cancioneiro popular galego e das mulleres, creadoras e músicas, que foron quen de transmitir ese patrimonio que é o tesouro do cantar popular e, por extensión, da lingua galega ata hoxe
17 may 2025 . Actualizado á 23:33 h.Velaquí unha pequena mostra de seis suxestivas propostas para celebrar as Letras Galegas.
«POESÍA E SOCIEDADE NON CANCIONEIRO POPULAR GALEGO. DEZASEIS LECCIÓNS»
Xesús Alonso Montero
EDITORIAL Galaxia PÁX. 254 PREZO 16,50 euros
Foron varias as ocasións en que oín o profesor Alonso Montero pronunciarse sobre a poesía popular de tradición oral e moitas foron as substanciosas achegas que realizou en forma de ensaios. Fose a fórmula que fose, o seu compromiso co estudo e a difusión con esta causa vén de moi atrás e velaquí, para demostralo unha vez máis, un libro que ofrece por xunto 16 leccións que son, xustamente, 16 oportunidades para instruírse neste universo literario desde o prisma que asedia a estética das cantigas, mais tamén a ética que encerran e a relevancia das súas creadoras e transmisoras.
«Agora que vén a noite»
Marcos Calveiro
EDITORIAL Galaxia PÁX. 113 PREZO 16,15
Este Día das Letras tamén xerou textos de ficción. Un deles é esta novela de Marcos Calveiro que está asociada a un espectáculo de Montse Rivera e mais Felisa Segade (fundadoras do grupo Leilía), que visita aínda diversos centros de secundaria do noso país. A proposta narrativa xira arredor dunha adolescente que, tras un enfrontamento, terá que comparecer diante da Fiscalía de Menores; a súa nai fará por enviala a unha aldea onde pasará o verán con Primitiva, a madriña da nai, e nese espazo será quen de desentrañar un misterio vinculado, claro é, coa música popular e, ao tempo, esculcar nas dimensións da súa identidade.
«CANTAREIRAS»
Icía Varela e Xosé Manuel Varela
EDITORIAL XERAIS PÁX. 176 PREZO 11,50
Este ensaio, con vocación esclarecedora e escrito a catro mans pola pandeireteira Icía Varela e o profesor Xosé Manuel Varela, converteuse nun manual de referencia para internarnos no universo das cantareiras. Manexando un corpus documental moi extenso, en parte inédito, un dos seus méritos é o de compendiar con efectividade aquela información que se pode ofrecer sobre esta tradición, con especial atención, como é lóxico, tanto ás Vellas de Mens como a Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás. Un recoñecemento, en suma, ás mulleres cantareiras, en especial ás das Letras Galegas 2025.
«MAXICAMENTE VELLA, ETERNAMENTE NOVA»
Carlos Callón
EDITORIAL XERAIS PÁX. 104 PREZO 11,50
Subtitulado como «A literatura tradicional galega», este volume goza dunha calidade talvez infrecuente, dentro do xénero de reflexión, como é o de establecer unha complicidade inmediata coa persoa que se achega. Se cadra é polo uso dun estilo directo e sinxelo que nos envolve e interpela, onde os argumentos manexados pasan pola peneira da tonalidade divulgativa. Velaquí, así pois, unha cartografía para movernos con solidez por este mundo da poesía oral, sen prescindir de anécdotas, acontecementos ou experiencias propias ou alleas que converten o libro nunha proposta moi atractiva para o público en xeral.
«EU NON CANTO POR CANTAR»
Manuel Rico e Antón Santamarina
Fabulatorio PÁX. 160 PREZO 20
É un pracer ler esta antoloxía que bebe do cancioneiro popular de Galicia, por varias razóns. Alén do requintado da edición, nun formato de peto coidadísimo para levar canda si, recupera unha parte significativa do devandito cancioneiro orientada cara ás que son, talvez, cantigas máis populares e que se vinculan tradicionalmente con situacións de celebración. Desde alalás a cantos de labor, de pandeiradas a muiñeiras novas, de xotas e foliadas ata cantigas que fan referencia ao amor ou ao baile, entre outras. Velaquí unha oportunidade para aprender ou evocar unha parte relevante do noso patrimonio cultural.
«AS VELLAS DE MENS»
José Manuel Fernández Pensado
EDITORIAL GALAXIA PÁXINAS 218 PREZO 14,50
J. M. Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, presidente de honra de Aturuxo que viu aparecer as pandeireteiras de Mens en 1972, articula en boa medida grazas á convivencia artística que gozou con elas e coas súas familias, un discurso que desvela en primeira persoa un bo monllo de experiencias compartidas coas chamadas «vellas de Mens». Deste xeito afonda con precisión no perfil humano destas mulleres, mais tamén na dimensión musical que as arroupaba, ao que engade as cantigas que compoñen o «Cancioneiro de Mens», isto é, aqueles textos que interpretaron publicamente en diversas ocasións.