Elas son hoxe as herdeiras do legado das cantareiras

FUGAS

CEDIDA

Falamos con catro artistas que se encargan de manter viva a tradición oral achegándoa á actualidade e reinterpretándoa dende o presente

17 may 2025 . Actualizado a las 23:57 h.

Se cadra, a mellor maneira de preservar e fortalecer ese grande legado que é a tradición oral é embebela de contemporaneidade. Achegarse a ela con respecto pero sen prexuízos. Entendela como unha valiosa ferramenta á hora de integrala en novos conceptos e novas sonoridades. As cantigas que hoxe son tradición eran presente cando foron cantadas polas mulleres do seu tempo. E de igual modo seguen sendo presente, vivo e excitante, cando son agora traídas á actualidade por artistas e grupos como Leilía, Adufeiras de Salitre, Lilaina ou Caamaño & Ameixeiras, entre moitas outras. Falamos con elas para que nos trasladasen a súa valoración de esta celebración e desta homenaxe ás cantareiras e ás pandeireteiras e para que nos fixeran chegar tamén o seu xeito de entender aquel legado a este presente.

ANA RODRÍGUEZ (LEILÍA)

«Agora estamos recollendo os froitos da nosa revolución»

miguel Souto

«Dar a coñecer a riqueza e valía do noso patrimonio oral foi o motor que moveu a Leilía, o que nos levou a dicir «isto ten que saír fóra». Nós queriamos vincular a musicalidade deste país coas pandeireteiras. O gaiteiro xa tiña un sitio pero das cantareiras nada se sabía. E fixémolo a pesar de que moita xente nos miraba como «miñas pobres, onde irán?». Agora, cos anos, recoñécennos e dinnos «que valentes fostes, pouca xente do mundo da música daba algo por vós!». Penso que fixemos unha revolución da que agora estamos recollendo os froitos».

CAAMAÑO & AMEIXEIRAS

«Estase saldando unha débeda histórica»

«Nós sentímonos herdeiras desa tradición de forma directa porque é o substrato, a materia prima coa que traballamos. Nós compoñemos sempre baseándonos nese patrimonio tradicional e popular. Estase saldando unha débeda histórica. A literatura culta está moi recoñecida pero xa era hora de que a literatura popular se puxera tamén en valor. Porque é marabillosa. Para calquera cousa que che pase na vida hai unha cantiga. E iso é grazas a todas esas mulleres que as crearon e á xente que recorreu as aldeas do país para que ese patrimonio chegara hoxe a todas nós».

NOEMÍ BASANTA (ADUFEIRAS DE SALITRE)

«As cantareiras tiveron tamén un gran valor social»

«O patrimonio das pandeireteiras e cantareiras non se pode entender só como unha cuestión musical. Inclúe a música pero tamén é unha maneira de organizar e xestionar as comunidades, que non me parece unha cuestión menor. É moi importante que esta homenaxe institucional das elites, recoñecendo a mulleres que moitas veces eran analfabetas pero que sostiñan un patrimonio digno de ser reivindicado, non quede só no Día das Letras e que se siga investigando e poñendo en valor a figuras destas mulleres que moitas veces pensamos que son anónimas pero en realidade tiñan nome e apelidos.. A maiores, subliñaría que a día de hoxe é o tecido asociativo do país o que hoxe en día está sustentando todo ese patrimonio cultural grazas a un traballo de base que é o que permite que despois poida haber un consumo relacionado coa música tradicional en escenarios e festivais».

ANDREA MONTERO (LILAINA / ALIBORIA)

«Elas foron as gardiás da nosa memoria colectiva»

Daniel Vázquez

«O papel das cantareiras foi clave, por exemplo, no momento no que o galego estivo relegado dos ámbitos formais e dos textos escritos. Estas mulleres foron transcendentais na conservación do idioma e da cultura en xeral, non só da música. Representan un modo de vida e foron gardiás da memoria colectiva que nos fai hoxe ter unha identidade e ser quen somos. Os distintos proxectos no que participo teñen unha relación diferente coa tradición. No caso de Lilaina traballamos dende o feminino e intentado ser fieis á raíz máis fonda. E noutros casos, como pode ser con Baiuca, tendemos unha ponte moi forte entre pasado e presente. En todos os casos eu sinto que seguimos cantando o mesmo pero con otras linguaxes e que un camiño igual de lícito que calquera outro. Iso tamén fala da riqueza e da potencialidade que ten o noso folclore.