Paul Simon báixase do escenario

TEXTO: CARLOS PEREIRO

FUGAS

ANGELA WEISS

O compositor estadounidense despedirase este verán en Londres cun concerto no que percorrerá a odisea musical que resulta o seu repertorio, cargado de beleza atemporal

08 mar 2018 . Actualizado á 05:07 h.

Cando chegou aos 74, Paul Simon (Newark, New York, 1941) preferiu tirar de talento que de nostalxia. Sacouse da manga Stranger to Strange, unha apaixonante viaxe sonora, ecléctico, como só o compositor estadounidense pode ser. Nun hotel de Madrid, sinalaba acertadamente que non estaba disposto a ser a repetición dunha formula xa gastada. Por iso, cando agora anuncia a súa retirada, a música contemporánea, o público e os seus profesionais, quizais debesen facer balance do legado que deixará en forma de cancións e notas ao aire. Non só é imprescindible, é xa mitoloxía musical.

A carreira de Paul Simon vai innegablemente acompañada do seu amigo Art Garfunkel, aquel mozo de pelo rizo e voz anxelical, co que conquistou os oídos de varias xeracións sen darse sequera conta. É verdade. O dúo levou un fracaso tras a publicación en 1964 da súa Wednesday morning 3 A.M e fuxiu a Inglaterra en busca de mellor fortuna. O amentado disco incluía unha preciosista corte titulado The Sound of silence, cru, con apenas unha guitarra acústica. Tom Wilson, artífice de moitos dos éxitos de Dylan, viu o seu potencial e engadiu pola súa conta unha batería, uns arranxos novos e unha guitarra eléctrica. Foi relanzado en 1965 e a gloria fíxose canción. Aínda nas illas británicas, o dúo volve a América ao decatarse do seu potencial despegamento. Pouco despois, a película dO Graduado, con Dustin Hoffman, acabou por elevalos ao status de ídolos contemporáneos. Mrs Robinson, vostede foi a responsable.

Con Garfunkel, Paul Simon logrou crear algunhas das cancións máis belas do noso tempo. The Boxer, At the Zoo, Bridge Over Troubled Water ou Homeward Bound; son só unha mostra dun repertorio exquisito nado durante a década dos sesenta que encumbró ao estadounidense como un prodixioso letrista e un encomiado investigador do poder da melodía. Non é ningún segredo. Garfunkel cantaba o que Simon púñalle sobre a mesa. O proceso compositivo pasaba ao noventa e nove por cento en exclusiva polas súas mans. A frustración de Art acabou por precipitar a súa separación.

Barra libre para un Paul Simon que arremetería con ningúns dos discos máis interesantes xamais editados, como ese africanizado Graceland. Simbiose coral de ritmo e canto, que continuou ensanchando a súa lenda. Mito ao que agora quere porlle punto e final. O músico subirase ao escenario do céntrico Hyde Park para baixar do resto. Será o 15 de xullo deste ano. As lendas tamén soñan con despedirse, dicir adeus, e logo, silencio.