Dous concertos do Xacobeo e toda a música electrónica, no segundo MeirasLand, o 9 de agosto

LA VOZ VALDOVIÑO

VALDOVIÑO

CEDIDA

O festival promovido por dous mozos veciños de Valdoviño crece

07 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A música electrónica é o aceno de identidade do MeirasLand, o festival que naceu en 2024 nesta parroquia do municipio de Valdoviño por iniciativa de Iván Freire e Omar Ismail García, amigos desde a infancia. A segunda edición, programada para o 9 de agosto, sumará á música dj dous concertos do Xacobeo, promovidos pola Xunta de Galicia. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou na presentación, xunto aos dous organizadores, o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García.

«Os Concertos do Xacobeo aportarán unha oferta musical de primeiro nivel a este festival de Ferrolterra», subliñou Aneiros. No acto déronse a coñecer os primeiros nomes confirmados para a cita, como Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento, con 1,5 millóns de seguidores en TikTok, e o DJ Kike Varela, compostelán. «MeirasLand contribúe a atraer xente nova, ofrecer experiencias innovadoras e demostrar que en Galicia tamén se poden facer cousas diferentes, vangardistas e de calidade», incidiu Aneiros.

O Concello reafirmou o seu compromiso con este festival, que o ano pasado congregou a máis de tres mil persoas. «Aprendemos moito da primeira edición, e ese ano imos a por todas», sinalou Ismail García. «Promete superar as expectativas co cartel, melloras na produción e unha experiencia máis completa para o público», inciden.