As tapas máis deliciosas de Valdoviño a só 1,5 euros: desde callos a salpicón de marisco, ou pito á Coca-Cola
VALDOVIÑO

Un total de 17 establecementos participan na primeira ruta Pasea e Tapea, do 1 ao 4 de maio como apetitosa exaltación da primavera
22 abr 2025 . Actualizado á 08:24 h.Algo mellor que unha tapa que sabe a gloria fronte ás ondas do Atlántico? Coa Percebelleira de fondo... e máis aló as costas británicas. Valdoviño botará man de dúas dos seus principais imáns turísticos: a paisaxe e a gastronomía. E organizada polo Concello coa implicación dos locais hostaleiros, nace a primeira ruta Pasea e Tapea por Valdoviño. Participan 17 establecementos, que ofrecerán marabillas por só 1,5 euros cada unha. Poderanse degustar desde callos a especiais salpicones de marisco, albóndegas, pito á Coca-Cola e moitos manxares máis.
Semellante cita celébrase do xoves 1 de maio ao domingo 4. Como indican o alcalde Alberto González e a concelleira de Turismo, Rosana García, «o Concello propón desfrutar dun extraordinario percorrido polo territorio e a gastronomía do municipio, con 17 bares, cafeterías e restaurantes». Os petiscos despregaranse de 12.30 a 15.00 horas, e deles sairá a mellor tapa de Valdoviño. A elección decidirase por votación popular, entre os que completen polo menos 12 locais en catro parroquias. Para o alcalde, «é moi positiva a participación do sector coa calidade das propostas culinarias, unimos dous dos principais atractivos turísticos da localidade como son as paisaxes e a gastronomía».
Hai 17 paradas en cinco parroquias. En Lago estarán Pide & Pika con pastel de carne, tortilla e grelos; Piruliña coa súa Alegría de Primavera; e Vos Dous de Sempre con ovos e zorza. En Meirás participan Casa Marino con tosta de cocido galego; Ou Bichesco co seu brioche con stick de tenreira; Campo García con Causita de Polbo; e Area Branca con mini pizza de polbo á mugardesa.
En Sequeiro están A Trasanquesa cos seus callos. Xa en Valdoviño compiten café bar Morriña con pito á Coca-Cola, café bar Porta do Sol con patacas bravas, Horizonte e as súas albóndegas da casa, Atlántico coa Malo Será, café bar Kami con Costillar de Adán, Clandestino con futomaki de foie, Mare Nostrum con salpicón de marisco emulsionado e O Paseo con Bocaxeira de Bocadillo e Frouxeira. Para rematar Vilaboa ten o Teleclub con Petisco á Feira.
O cliente recibe con cada tapa un boleto para participar no sorteo de tres cestas de produtos gastronómicos. E os que percorran 12 locais en catro parroquias entrarán no sorteo dunha comida ou cea no local que prepare a mellor tapa de Valdoviño.