O diminuto picudo vermello acaba con palmeiras de 8.000 quilos en Narón: «Comeunas en menos de nada»

NARÓN

O insecto de entre dous e cinco centímetros xa afecta a dez exemplares neste municipio, dous deles tiveron que ser tallados no cemiterio de Xuvia
17 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Co skyline de palmeiras nos cemiterios de Narón está a acabar o diminuto picudo vermello. O insecto de entre dous e cinco centímetros de tamaño esnaquizou literalmente dous exemplares de 8.000 quilos cada un, alzados no camposanto de Santa Rita de Xuvia. Como lembra Marcial Puente, o veterano responsable da comisión deste cemiterio, «sentimos moita rabia pola desaparición destas palmeiras que eran un símbolo, eran moi bonitas pero entroulles o bicho vermello e comeunas en menos de nada». E onte tiveron que ser cortadas.
Segundo os datos achegados polo Concello de Narón, neste municipio hai inventariadas 29 palmeiras en zonas públicas. E delas, dez xa se atopan afectadas en diferente grao. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, engade que «desas dez estase tratando e intentando recuperar a que se considera que ten máis probabilidades de mellorar, por estar menos afectada: a ubicada xunto á Casa da Cultura».
En cambio, as máis danadas dentro dos espazos públicos atoparíanse na Solaina, en Ou Alto (rúa Italia) e en Xuvia (praza Irmáns Freire). De momento, líbranse da queima as do paseo de Xuvia «que por agora non están afectadas».

No cemiterio desde 1960
Para pesar dos veciños e porque non queda outro remedio ante o avance da praga, as máquinas xa se encargaron de tallar as palmeiras afectadas no cemiterio de Santa Rita. Como indicaba Marcial Puente desde a zona, «cortaron unha por amais de todo cunha grúa, e outra a ras de solo da que só quedou un cepo». Argumenta que «aínda que teñamos rabia non tiveron salvación, estaban podres por arriba». De feito, algunhas ramas xa se derrubaban con risco para os visitantes. E os veciños afirmaban que o mantemento das dúas árbores (1.300 euros) custaba máis que o de todo o cemiterio.
Como recalcaba o responsable da comisión, «están sendo cortadas a trozos e pesan unha barbaridade, cada unha 8.000 quilos». O cemiterio creouse en 1959, e un ano despois xa estaban plantadas converténdose nun símbolo do mesmo. «E hai un ano empezaron a enfermar», confirma Marcial.
Ao longo da ría de Ferrol, estas árbores acadan alturas de 12 a 20 metros. As administracións públicas loitan con todo tipo de estratexias. No caso de Santa Rita foran podadas catro anos antes, e os técnicos atoparon ao voraz insecto no seu interior. Na primavera de 2024 adoptouse a última medida da cirurxía vexetal. Pero a acción do picudo vermello ou Rhynchophorus ferrugineus semella imparable.
Os picudos empezaron a atacar por Galicia no ano 2013, devorando palmeiras desde as raíces ás puntas: con especial frenesí polas canarias, datileras e aceiteiras. Pero xa levaba vinte anos en España, con orixe desde Arabia Saudita. Este insecto (comedor como el só) mastica a planta creando buracos e deixando ovos no interior, todas esas larvas no futuro converteranse en novos e famentos picudos.