O venres concentráronse diante do consistorio, xusto un ano despois da primeira convocatoria e sen que a situación mellorase
19 oct 2025 . Actualizado á 12:58 h.Veciños de Mugardos, á marxe dos partidos políticos, saíron o venres á rúa para expresar a súa «descontento coa xestión do Concello», como se recollía nos carteis que difundiron polo pobo e a través das redes sociais. «Mugardos xa non cala» foi o lema desta nova «concentración popular», como a denominan os convocantes. A anterior celebrárase hai xusto un ano.
Os promotores desta manifestación, celebrada diante do consistorio local, animaron a acudir con algún elemento que fixese ruído: «Dez minutos para que nos escoiten». Denuncian o estado dos servizos públicos municipais: «Son practicamente as mesmas demandas que hai un ano, na primeira protesta, e lonxe de mellorar, a situación empeorou pola falta de resposta do goberno municipal».
Os manifestantes alertan do estado da escola infantil, coas obras sen acabar, convertida nun espazo de «riscos para nenos e nenas»; a imposibilidade de utilizar o punto limpo do polígono de Vilar do Colo; a deterioración da piscina compartida con Ares, «que necesita reformas urxentes»; o mal estado de «dos poucos» parques infantís; a falta de mantemento das instalacións deportivas, sobre todo nas parroquias; a acumulación de lixo nos colectores, desbordados con frecuencia; ou o feito de que o alcalde «non estea dispoñible no Concello a maior parte da semana, e desde que reduciu a súa xornada laboral á metade é aínda máis difícil atopalo».