O Rufus Tardeo Club trasládase a Curuxeiras: «A experiencia vai ser mellor»
FERROL CIUDAD

A gran festa do verán manterá data e actuacións
15 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Hai uns días o Rufus Tardeo Club anunciaba un cambio na súa localización, que pasará do aparcadoiro da Feira de Mostras (A Malata) ao Porto de Curuxeiras. Este será o único cambio substancial no evento, levado a cabo por motivos organizativos e técnicos polos que se decidiu esta modificación do lugar, e como expresa Ángel Vázquez, un dos organizadores e dj do tardeo, «a experiencia vai ser moito mellor nesta localización». Desde o evento trasladan a súa intención de que a festa transcorra con normalidade e reiteran que o que se busca é «dar facilidades tanto ao Concello como á Autoridade Portuaria».
Tanto a data como o horario orixinal (o próximo 24 de xullo de 18.30 h a 01.30) manteranse sen cambios, e o mesmo ocorrerá coas actuacións previstas, que incluirán ao propio Ángel Vázquez e aos dj Aitor Alfonsín, David Pörta, Hümbe, Robinson Ramos e VRZ.
Tal e como conta Ángel Vázquez, a idea do tardeo xurdiu a raíz dunha reflexión sobre a mala reputación que recentemente se lle atribúe ao lecer nocturno ferrolán. En contraposición, as festas de tardeo, nun horario máis prudente, son máis «tranquilas» e afástanse das problemáticas que a miúdo involucran ás festas nocturnas. Ademais, ao non existir unha oferta similar en Ferrol salvo eventos moi puntuais, créase unha oportunidade de negocio e evítase o conflito con outras empresas, posto que desde o Rufus Tardeo Club buscan «potenciar a unión entre hostaleiros».
Entradas: prezo e adquisición
Para todo aquel que desexe asistir ao grande evento do verán ferrolán, as entradas VIP e Super VIP (que, entre outros beneficios, incluían palco elevado, barra privada, servizo de cachimbas, un cátering VIP exclusivo ou acceso prioritario) xa están esgotadas; con todo, aínda quedan unidades da entrada xeral, que por un prezo de 40 euros ofrece dúas consumicións a elixir (refresco, cervexa, cóctel ou copa) e cea (pratos quentes e fríos con opcións de doce e salgado, así como alternativas para persoas celíacas).
Como incentivo para acelerar a venda das entradas restantes, o Rufus Tardeo Club puxo en marcha un sorteo vía Instagram que reducirá a 35 euros o custo da entrada Xeral para as primeiras 50 persoas que comenten no último reel da organización, e que sigan tanto a @rufussclub como a @bea.caruncho.
A adquisición de entradas para o acceso ao evento efectuarase a través das redes sociais do Rufus Tardeo Club, que proporcionará un número de entrada; estas recolleranse no punto de venda, que indicarán desde a organización.