Fernando García Cadiñanos, novo responsable da área de Migracións da Conferencia Episcopal Española

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

O bispo de Mondoñedo-Ferrol liderará un ámbito de decisión de especial relevancia na Igrexa: a atención aos migrantes atópase entre as máximas prioridades do papa Francisco

06 mar 2024 . Actualizado á 01:35 h.

O bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, é o novo responsable da área de Migracións da Conferencia Episcopal Española. Liderará, así, a partir de agora, un ámbito de decisión de especial relevancia na Igrexa hispana. A atención aos migrantes atópase entre as máximas prioridades do Papa Francisco.

O acordo tomouse a última hora da tarde deste martes, en segunda votación, na asemblea plenaria do episcopado español, e García Cadiñanos sumou un total de 41 votos. O número de prelados electores é de 78.

«Os meus irmáns bispos elixíronme presidente da subcomisión de Migracións e Movilidad Humana -sinala García Cadiñanos nunhas declaracións feitas públicas polas redes sociais do episcopado- nun momento onde as migracións son un dos retos máis importantes da sociedade». «A igrexa -di tamén o bispo de Mondoñedo-Ferrol- está chamada a proclamar e procrear a fraternidade universal».

Ramón Loureiro

Fernando García Cadiñanos (Burgos, 1968) é un dos prelados españois máis novos, pero ao mesmo tempo tamén un dos de maior proxección. Bispo de Mondoñedo-Ferrol desde novembro do 2021, foi vicario xeneral de Burgos ata a súa designación para a mitra episcopal. Formado na Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, é experto en Ciencias Sociais, concretamente no ámbito da Doutrina e a Ética Social.

Desde a súa chegada ao episcopado, Fernando García Cadiñanos destacou polo seu permanente defensa de todos os desfavorecidos, e non dubidou en saír á rúa e poñerse tras unha pancarta para manifestarse contra a precariedade laboral e en defensa do dereito a un traballo digno. Bispo de firme vocación pastoral, procura facerse presente, día tras día, ata no último recuncho da súa diocese (que abarca a Galicia do Norte, as áreas setentrionais da provincias da Coruña e Lugo). Especialmente vinculado ao labor de Cáritas, destacou tamén, do mesmo xeito que durante a súa etapa como vicario xeneral de Burgos, en ámbitos como o da protección do patrimonio cultural. Gran lector de Cunqueiro e de Gonzalo Torrente Ballester, pero tamén de Frei Antonio de Guevara (o escritor renacentista, autor de Menosprecio de corte e encomio de aldea, a quen Cervantes cita no prólogo do Quixote e Montaigne nos seus Ensaios; un escritor que, como o propio García Cadiñanos, foi bispo de Mondoñedo), García Cadiñanos fixo un especial esforzo por entrar en contacto con todos os sectores da sociedade galega e por abrir, desde a tolerancia e o respecto, novas pontes de diálogo entre crentes e non crentes.

Ramón Loureiro

Os bispos españois celebran esta semana en Madrid un plenario -finalizará o venres- no que elixiron xa á o seu novo presidente, Luis Argüello, actual arcebispo de Valladolid. A vicepresidencia da Conferencia Episcopal ostentaraa o cardeal José Cobo, arcebispo de Madrid.